Instagram facilitará a descarga de Reels

mércores, 21 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Unha das prácticas máis habituais cos contidos de TikTok é a súa descarga dende o móbil con só premer un botón, o que facilita a súa republicación ou compartición, e dende Instagram anuncian agora unha medida semellante: cando prememos no botón de compartir nun Reel poderemos acceder a un novo botón para descargar o vídeo.
Polo momento esta prestación limitarase a EE.UU., e só pode aplicarse a contido de contas públicas (que tamén poderán desactivar a opción de descargar os Reels se o consideran oportuno). Con este anuncio non especificaron se os vídeos descargados terán algún tipo de marca de auga co logotipo de Instagram e o nome de usuario da conta na que se publicou o Reel, do xeito a como acontece con TikTok, aínda que parece o máis probable, xa que é un bo xeito de promocionar a plataforma cando os seus contidos se comparte por outras canles (como dende aplicacións de mensaxería instantánea).

PUBLICIDADE