Instagram estrea unha aplicación para gravar time lapses sen cámara fixa

martes, 26 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Hai poucos días comentamos que Microsoft Research estaba a desenvolver unha tecnoloxía de procesado de vídeos en primeira persoa que converte un movido time lapse nun estable hyperlapse, e aínda que se agardaba que esta técnica vese a luz mediante unha aplicación para Windows, dende Instagram sorprenden anunciando Hyperlapse from Instagram, unha aplicación universal para iOS que permítenos gravar vídeo mentres camiñamos, corremos ou saltamos, para poder logo repasar a acción até 12 veces a súa velocidade orixinal aplicándolle tecnoloxía de estabilización que fai que ver estas gravacións non dea dor de cabeza.
Os resultados poden compartirse a través de Instagram e Facebook, así como gravarse no carrete da cámara do noso dispositivo móbil para poder compartilas por outras canles en calquera outro momento. Cómpre destacar que para poder tirar proveito desta nova aplicación nin sequera é preciso darse de alta en Instagram, polo que faise moi accesible a gravación de time lapses sen ter que manter a cámara fixa, aínda que polo momento a aplicación só está dispoñible para iPhone e iPad.


Vídeo de presentación dos hyperlapses de Instagram

PUBLICIDADE