Instagram empregará intelixencia artificial para loitar contra os comentarios ofensivos e o spam

xoves, 29 de xuño do 2017 Marcus Fernández

As plataformas de redes sociais teñen dende as súas orixes serios problemas coa moderación dos comentarios dos seus usuarios, que en moitas ocasións estragan a experiencia de uso coa súa toxicidade, o que a plataforma que máis pulo ten actualmente quere evitar, de aí que Instagram anuncie que desenvolveron un filtro que bloqueará certos comentarios ofensivos en publicacións e vídeos en directo, mentres que o resto de comentarios tamén poderán denunciarse , borrarse ou desactivarse como se viña a facer até o momento.
Dado que é un filtro automático, existe a posibilidade de desactivalo completamente e polo momento só está dispoñible en inglés, pero semella unha boa solución para evitar o mal ambiente que parecen plataformas como Twitter, onde os comentarios abusivos son un problema moi serio.
Instagram tamén estreou novos filtros para evitar as mensaxes publicitarias non desexadas nos comentarios de publicacións e vídeos en directo, o que funcionará en inglés, español, portugués, árabe, francés, alemán, ruso, xaponés e chinés.
Ambos sistemas de filtrado están baseados en machine learning, e buscan facer de Instagram un lugar seguro ocultando no sistema comentarios que poden resultar molestos para os usuarios, solucións que confían en que vaia mellorando en eficacia ao longo do tempo, á vez que irán incorporando cada vez máis linguas soportadas.

PUBLICIDADE