Instagram eliminará a Tenda da súa barra de navegación

luns, 9 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Hai algo máis dun ano Instagram desatou a ira dos seus usuarios ao mudar a súa interface de uso de xeito que o botón de publicación pasaba a estar nun lugar secundario para facer sitio na barra de navegación aos Reels e á Tenda.
Aínda que querer destacar os Reels era algo comprensible, pois forma parte da estratexia de Instagram para loitar contra TikTok, o feito de dar un lugar tan prominente á Tenda, función cunha dispoñibilidade moi limitada e cun uso insignificante por parte dos usuarios, deixaba claro que a xogada non atendía ás necesidades dos usuarios, senón que simplemente era un truco da compañía para tentar mellorar o seu uso como plataforma de comercio electrónico.
Ante o fracaso desta disposición de botóns, Instagram anuncia agora un cambio na barra de navegación o vindeiro mes de febreiro, que recuperará o botón para crear contido no centro da barra, desprazará o botón de Reels á dereita e eliminará o botón da Tenda (totalmente innecesario, xa que as funcións de comercio electrónico están dispoñibles a través dos propios contidos publicados).

PUBLICIDADE