Instagram comeza a amosar publicacións recomendadas

xoves, 28 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Sen darlle publicidade Instagram está a mudar de novo o xeito de amosar publicacións aos usuarios, e non conformes con deixar de lado a orde cronolóxica orixinal para empregar algoritmos que sepultan a meirande parte de contidos compartidos polos nosos amigos, agora engaden unha sección de Recomendado para ti, na que inclúen de 3 a 5 publicacións suxeridas.
Estamos ante un dos cambios máis importantes dentro de Instagram nos últimos tempos, xa que non só afecta ao xeito no que vemos os contidos, senón que tamén facilita a que certas publicacións cheguen a un público moito máis amplo, xa que as verá xente que non segue aos seus autores e non está a realizar buscas activas.
A nova sección poderá ocultarse temporalmente se nos resulta molesta, aínda que polo momento non hai xeito de eliminala completamente.
Esta funcionalidade está en probas, e polo momento só é visible despois de ver as publicacións máis interesantes das persoas que seguimos, estando actualmente a espallarse entre todos os usuarios de iOS e Android, polo que nos vindeiros días calquera usuario debería ver esta nova sección que parece estar a producir certo rexeitamento por parte dos usuarios, cansos de que os algoritmos decidan o que teñen que ver, aproximando cada vez máis o funcionamento de Instagram ao de Facebook.

PUBLICIDADE