Instagram acolle estes días a terceira edición do ciclo Usa a Lingua

mércores, 2 de decembro do 2020 Redacción

Estes días estase a celebrar, co impulso da axencia júnior de publicidade Freshysweet (integrada por estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do Campus de Pontevedra), un ciclo de coloquios e actuacións para “promover, normalizar, estender e fomentar o uso do galego entre a mocidade”. Trátase do programa Usa a Lingua, que se desenvolve a través da rede social Instagram.
A situación sanitaria xerada pola COVID-19 obrigou neste 2020 a trasladar a un formato virtual unha iniciativa que en anteriores edicións levou a Freshysweet a promover diferentes actividades na facultade. “Pensamos que Instagram era a rede social perfecta para levar a cabo o evento nestes tempos”, sinala este grupo de alumnos e alumnas, que lembran que se trata da plataforma que reúne máis xente nova, con máis dun 36% de usuarios e usuarias menores de 24 anos.
Un coloquio co noso cómico e actor David Amor abriu na tarde deste luns o programa de actividades desta terceira edición de Usa a Lingua, que abrangue unha serie de coloquios con persoas “de grande interese nos eidos da comunicación, música e cultura galega”, xunto coas actuacións musicais de The Rapants e Dakidarría na tarde do venres. Conducido polo estudante Vinto Tajes, este primeiro coloquio permitiu afondar na traxectoria do devandito humorista e deportista galego.

Cinco días de actividades

Para esta edición virtual, as e os integrantes de Freshysweet seleccionaron unha serie de convidados que, sinalan, “son referentes en redes sociais que teñen algo que dicir a prol da protección da nosa lingua”. Así, tralo coloquio deste luns con David Amor, a actividade continúa este martes, tamén ás 16.00 horas, cun coloquio, conducido pola alumna Sarai Mariño, con Patricia Hermida, responsábel de formacións musicais como Heredeiros da Crus e Agoraphobia, con quen, indican desde Freshysweet, “falaremos do seu labor como xestora de grupos galegos”.
Nesa mesma xornada, ás 19.00 horas, sumarase ao evento Dani Irimia, protagonista da última campaña publicitaria da cadea Gadis. O mércores, Tajes conducirá o coloquio cos responsábeis da empresas de produtos en galego Aí Falaches!, mentres que o xoves ás 16.00 horas, celebrarase un coloquio, moderado por Cristina Martínez, coas persoas responsables de Orgullo Galego, “a conta de Instagram e Facebook dedicada á defensa da lingua galega con máis seareiros, 300.000 entre ambas redes sociais”.
A terceira edición de Usa a Lingua completarase o venres, coas actuacións musicais, en directo a través desta rede social, dos grupos Dakidarría e The Rapants, programados para ás 19.30 e 20.30 horas, respectivamente.

PUBLICIDADE