Instagram abrirá os seus perfís de usuario á web

luns, 5 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Nike ten un dos perfís de Instagram que poden visitarse xa vía web a xeito de exemplo

A aplicación móbil Instagram non quere limitarse a servir como ferramenta de aplicación de filtros a fotografías tomadas dende o iPhone ou con terminais con Android, senón que busca potenciar a súa face máis social, polo que nos vindeiros días vai ir máis aló do móbil permitindo que os perfís dos seus usuarios estean dispoñibles a través da web, adoptando unha aparencia moi semellante á Cronoloxía que actualmente emprega Facebook, de xeito que ao visitar un perfil veremos unha selección das últimas fotografías compartidas a través de Instagram compoñendo unha cabeceira xunto cos imaxe do perfil e o pequeno resumo biográfico do usuario.
Con este novo xeito de acceder a Instagram poderemos seguir a outros usuarios, realizar comentarios, indicar que gustamos dunha fotografía e editar o noso perfil de xeito doado dende a web, potenciando a difusión das nosas fotografías de Instagram.
Esta nova iniciativa de Instagram respectará a configuración de privacidade do usuario, de xeito que as fotografías etiquetadas como públicas estarán dispoñibles para todo o mundo (incluso para quen non sexa usuario de Instagram) mentres que as imaxes privadas só poderán velas os usuarios identificados que desexemos.
Para poder botar un ollo a esta nova característica de Instagram, xa están visibles os perfís de Nike, Nicolee Drake, Sharon Hwang, Kevin Systrom e Paloma Parrot.

PUBLICIDADE