Insta360 mellora o fluxo de traballo con vídeo envolvente en Premiere

luns, 23 de abril do 2018 Marcus Fernández

O vídeo en 360 graos ofrece grandes posibilidades, sendo cada vez máis doado de consumir, pero a súa produción continúa a ser complexa, especialmente ao que se refire á edición de vídeo, polo que moitos creadores de seguro que agradecerán a última novidade de Insta360, compañía que colaborou con Adobe para desenvolver a integración das gravacións coa súa cámara de 6 lentes Insta360 Pro (á venda por 3.999 euros e que sería unha das certificadas para poder producir contidos para Google Street View) en Adobe Premiere Pro CC, para poder empregarse esta ferramenta o cosido e na edición de vídeo.
Este trimestre publicarase o engadido para Premiere Pro CC 2017 que permitirá importar directamente os contidos gravados coa Inta360 Pro, sen ter que facer un cosido previo, reducindo drasticamente o tempo no que os usuarios pode comezar a traballar co vídeo, para o que xérase unha versión proxy da metraxe en alta calidade (ou sexa, que trabállase cunha copia cosida de baixa resolución durante a edición). Este xeito de traballo supón non só reducir o tempo no que poder comezar a traballar co vídeo envolvente, senón que tamén a edición será moito máis áxil (xa que o procesador do equipo non terá que mover un vídeo de resolución 8K), o vídeo só se comprimirá unha vez (garantindo unha maior calidade de imaxe) e tamén se evitará o procesado completo dos fragmentos de vídeo desbotados.

PUBLICIDADE