Innovación presenta unha rede de plataformas tecnolóxicas galegas

martes, 29 de abril do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, vai presentar mañá mércores, día 30 de abril, a Rede de Plataformas Tecnolóxicas Galegas, Neurona, que agrupa un total de 14 organismos representantes dos distintos sectores estratéxicos da economía galega.
Neste acto, os responsables de cada unha das 14 Plataformas Tecnolóxicas Galegas que forman Neurona presentarán a súa respectiva entidade ante os preto de 200 representantes do sector empresarial e investigador galego que teñen previsto asistir ao mesmo.
A Consellaría de Innovación e Industria, a través do Plan Galego de I+D+i, “vén potenciando dende 2006 a creación de plataformas sectoriais de innovación nos diferentes sectores estratéxicos da economía galega, dende a automoción até a agroalimentación”. Estas plataformas, lideradas polos respectivos centros tecnolóxicos ou clústers empresariais, son ferramentas que agrupan a axentes representativos do contorno produtivo, científico e tecnolóxico dun sector, tales como empresas, centros tecnolóxicos, grupos de investigación universitarios, institutos tecnolóxicos, entidades financeiras... co propósito de acadar un salto significativo nunha área científico-tecnolóxica de importancia para Galiza.
Transcorridos dous anos dende o comezo do proceso, Innovación crea agora Neurona, unha Rede de Plataformas Tecnolóxicas do país para o intercambio de información e experiencia entre elas e como elemento de vinculación entre os actores que integran as diferentes plataformas e entre estes e as entidades públicas.
A xornada de presentación será clausurada polo conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Xabier Blanco Álvarez, ás 13:30 horas.
As distintas plataformas que integran Neurona.
-Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC-Vindeira.
-Plataforma Tecnolóxica do Audiovisual Galego-i+dea.
-Plataforma Tecnolóxica Produto Gráfico e Libro Galego.
-Plataforma Tecnolóxica Galega de Automoción.
-Plataforma Tecnolóxica Galega do Sector da Construción Naval-Ptgn.
-Plataforma Tecnolóxica Galega do Granito.
-Plataforma Tecnolóxica Galega da Madeira.
-Plataforma Tecnolóxica Galega de Medio Ambiente-Envite.
-Plataforma Tecnolóxica Galega de Enerxía-Enerxe.
-Plataforma Tecnolóxica Galega de Materiais e Procesos de Fabricación-MPF2020.
-Plataforma Tecnolóxica Galega Agroalimentaria-Ptgal.
-Plataforma Tecnolóxica Galega de Biotecnoloxía.
-Plataforma Tecnolóxica Galega de Acuicultura-Ptxga.
-Plataforma Tecnolóxica da Pesca Galega.
Na imaxe, o Parque Tecnolóxico de Galicia.

PUBLICIDADE