Innovación e o Consello da Cultura Galega colaboran na divulgación da ciencia

xoves, 27 de setembro do 2007 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria e o Consello da Cultura Galega (CCG) veñen de asinar un protocolo de colaboración para a organización de actividades de divulgación do eido científico entre os cidadáns. Esta iniciativa, que se enmarca no Programa de Comunicación e Sensibilización Social do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (INCITE), vai ser financiada con 90.000 euros e contará con dous programas iniciais: Cultura con Ciencia e Proxecto Sarmiento, ámbolos dous desenvolvidos polo CCG.
O primeiro deles, Cultura con Ciencia, propón a posta en marcha dunha serie de actividades que teñen por obxecto o recoñecemento do valor da cultura científica, a súa difusión entre o gran público e, ó mesmo tempo, o recoñecemento da excelencia por parte de investigadores sinalados.
Deste xeito, o programa está formado por un ciclo de sete conferencias noutras tantas cidades galegas nas que intervirán figuras distinguidas de diversos eidos científicos, con capacidade para transmitir unha idea positiva do seu traballo, pero tamén de combinar perspectivas de diálogo entre as “dúas culturas”, a humanística e a experimental.
Cultura con Ciencia tamén desenvolverá a iniciativa Magister Gallaeciae, que consiste na realización de varias “leccións maxistrais” por parte de importantes e acreditados científicos e investigadores de Galiza. Unha ocasión de recoñecer a excelencia científica e a dedicación a unha tarefa de investigación de forma prolongada.
Ademais destas actividades, o iniciativa Cultura con Ciencia dará os seus froitos con dúas publicacións. Por unha banda, o Álbum da Ciencia, proposta que xa está en marcha e que consiste na difusión a través do portal web do CCG .
Tamén se levará a cabo a edición de Os dados do reloxeiro II, unha nova edición impresa de artigos sobre divulgación científica publicados polo científico Xurxo Mariño en www.culturagalega.org.
Por outra banda, o Proxecto Sarmiento ten como obxectivo recuperar tódalas obras completas de Frei Martín Sarmiento, que, posteriormente, se difundirán a través de Internet para facilitarlles o acceso ás mesmas ós estudosos e ó gran público en xeral.

PUBLICIDADE