Innovación e Industria potenciará a formación nas TIC nos parques empresariais galegos

martes, 16 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE), Luís Fernández, para a posta en marcha dun plan de formación en novas tecnoloxías dirixidos ás empresas galegas.
O departamento dirixido por Fernando Blanco achegará o 100% do orzamento preciso para o desenvolvemento destas actuacións, un total de 510.000 euros, dentro do conxunto de medidas do Plan PEME Dixital, que conta cun orzamento global de 3 millóns.
O convenio recolle un plan formativo sobre ámbitos como a factura electrónica, o DNI dixital e o comercio electrónico, e está destinado á totalidade de parques empresariais de Galicia e tamén aberto a calquera empresa que o solicite. A formación presencial desenvolverase en 42 polígonos seleccionados, sendo tamén posible facer un seguimento virtual a través do portal das PEME galegas.
As accións formativas iniciaranse este mesmo mércores nos polígonos do Tambre, A Grela, Sete Pontes, As Pontes, A Pasaxe, Mos e Barreiros.

PUBLICIDADE