Innovación e Industria pon en marcha a web do Observatorio Galego da Sociedade da Información

venres, 19 de outubro do 2007 Raquel Noya

Co obxectivo de informar sobre o desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) en Galicia, a Consellaría de Innovación e Industria vén de poñer en marcha o portal web do Observatorio Galego da Sociedade da Información (OGSI).
Neste sitio os internautas poden consultar enquisas, diagnósticos, estudos sectoriais e monografías elaborados polo propio Observatorio, dende calquera parte do planeta a través de Internet.
A creación deste observatorio, que efectivizou a Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información da Consellaría, é unha das actuacións contempladas no Plano Estratéxcio Galego da Sociedade da Información (PEGSI), o documento que guía a política de novas tecnoloxías do Goberno galego e aspira a converterse na primeira fonte de referencia para o estudo do grao de penetración das TIC en Galicia.
Asemade, a web do OGSI ofrece as últimas novas e convocatorias sobre as novas tecnoloxías na nosa comunidade e dispón dun boletín semanal coas novidades do OGSI e un clip de titulares web.
O portal, que a día de hoxe segue a desenvolverse, foi realizado na súa totalidade en código aberto empregando a ferramenta de xestión de contidos (CMS) Typo3 e conta con avanzados criterios de accesibilidade e licenzas Creative Commons.
Ó longo destes primeiros meses, esta web irá completando os seus contidos, asumindo algunhas das funcionalidades e contidos relevantes do sitio www.observatoriotic.org, que continuará a funcionar durante un breve periodo de transferencia, como repositorio histórico das métricas da sociedade da información realizadas en Galicia até 2005.

PUBLICIDADE