Innovación colabora con Level Telecom na prevención de accidentes nas estradas

luns, 21 de xullo do 2008 Raquel Noya

A empresa Level Telecom, especializada no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos, está a traballar -co apoio económico da Consellaría de Innovación e Industria- no deseño dun sistema de predición, alerta e mitigación de condicións meteorolóxicas adversas nas estradas para tratar de evitar os accidentes de tráfico provocados por mor das mesmas. Esta ferramenta baséase en modelos heurísticos e en métodos de intelixencia artificial para mellorar as condicións do propio proceso da condución e avisar en tempo real aos responsables de mantemento da vía a fin de que actúen no menor tempo posible.
A Consellaría de Innovación, a través da súa Dirección Xeral de I+D, concedeulle a Level Telecom unha axuda de 168.259 euros para a realización do proxecto, no marco do Programa de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (INCITE).
A primeira das aplicacións do sistema no que Level Telecom está a traballar está destinada a evitar a formación de placas de xeo nas zonas sombrías ou escuras das estradas mediante a aspersión dunha disolución salina. Para isto, a devandita empresa galega implementará un sistema en rede que detecte en que circunstancias debe facer funcionar a aspersión segundo parámetros meteorolóxicos, características da calzada, experiencia no comportamento do clima...

Información en tempo real

Todo este proceso de prevención de accidentes nas estradas comeza por recoller datos sobre as condicións meteorolóxicas e as circunstancias concretas de cada vía. O módulo de recollida de información está composto por diversos sensores colocados na calzada, así como dunha estación meteorolóxica dotada de instrumental avanzado de medida e doutras instancias de control próximas a esta.
Tódolos datos serán procesados por un sistema avanzado de control e análise que transmite a información en tempo real a un sistema de aspersión con carácter autónomo e intelixente; este último é o mesmo que se vai ocupar de prever a formación de placas de xeo nas estradas.
Asemade, esta información chegará ás persoas encargadas do mantemento das vías e do seu entorno, co que poderán actuar con rapidez ante situacións de perigo e preparar os dispositivos de emerxencia oportunos.
Segundo vén de anunciar Telecom, aínda que a información do sistema é servir á prevención de circunstancias de risco, esta ferramenta tamén “terá capacidade correctiva e paliativa no caso de que as medidas preventivas non sexan suficientes para mellorar no posible as circunstancias de circulación”.

Portabilidade

Os responsables do proxecto tamén subliñan que o sistema aporta “importantes novidades” ao control do estado das vías de circulación debido a que a integración de tecnoloxías avanzadas de comunicacións permite unha “visión ampla” do que está a acontecer nun tramo concreto da vía, tanto a efectos de información de cara aos responsables de conservación, como ao sistema experto de decisión de aspersión sobre a calzada, garantindo a seguridade dos condutores.
Outra das características que fai que o sistema sexa pioneiro neste campo é, segundo indican os seus creadores, a súa “modularidade”, o que fai que sexa portátil e adaptable a situacións concretas. Ao tratarse dun dispositivo por módulos pode instalarse en diferentes lugares integrando nun bastidor os elementos mínimos necesarios para o tratamento de pequenas zonas de risco, como saídas de túneles, tramos sombríos, etc.
Estas estacións portátiles tamén se beneficiarán da maior densidade de datos recollidos polas estacións fixas. Obterán esta información a través da tecnoloxía de comunicacións móbiles (GPRS/3G), canle de comunicación que tamén se usará para a supervisión remota destas estacións portátiles.

Colaboración coa USC

A Universidade de Santiago de Compostela colabora neste mesmo proxecto a través do Laboratorio de Sistemas do Instituto de investigacións Tecnolóxicas, que está a estudar a implementación dun modelo de predición meteorolóxico complexo que integre datos extraídos doutros nodos da rede e de estacións meteorolóxicas virtuais, fundamentándose en técnicas de mallas de predición meteorolóxica.

PUBLICIDADE