Innovación anuncia a constitución dunha Plataforma Tecnolóxica da Enerxía no sector enerxético galego

venres, 8 de xuño do 2007 Raquel Noya

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, vén de anunciar a inminente constitución da Plataforma Tecnolóxica da Enerxía, que vai canalizar as estratexias de I+D+i no sector enerxético galego. Esta Consellería está a impulsar a posta en marcha da devandita Plataforma a fin de canalizar as estratexias de investigación, desenvolvemento e innovación deste sector.
Blanco destacou o papel que desenvolverá nesta plataforma a I+D das enerxías alternativas e avogou polo impulso do seu departamento ás políticas de fomento das enerxías alternativas así como do aforro enerxético.
Segundo apuntou o titular de Innovación, o principal obxectivo deste proxecto é incrementar nun 73 por cento a potencia eléctrica instalada de enerxías renovables ata 2012, pasando de 6.110MW (no 2005) ata 10.601 (que se prevén para o 2012); para aquel entón, segundo as previsións da Consellería, “o 95 por cento do consumo eléctrico galego será cuberto con enerxías renovables”.

PUBLICIDADE