Innova Labs organiza un curso sobre WordPress

mércores, 9 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O grupo de “tolos pola tecnoloxía” de Innova Labs está a organizar unha serie de cursos sobre temas como o Linux, Facebook ou a elaboración de wikis, sendo a súa vindeira actividade un curso sobre WordPress impartido por Iñaki Quenerapu, quen o día 26 de setembro de 9:00 a 15:00 horas afondará no xestor de contidos web máis empregado a nivel mundial. Este curso ten xa aberta a súa inscrición, tendo esta actividade un custo de 75 euros.
Durante o curso explicarase como funciona o modelo cliente-servidor, o servidor web, o xestor de contidos, a hospedaxe web... detallaranse as diferenzas entre WordPress.com e WordPress.org, amosarase o proceso de instalación de WordPress paso a paso e a súa configuración e ensinarase a manexar o seu panel de administración. Tamén se abordarán os diferentes tipos de contido que poden crearse en WordPress, o funcionamento da xestión de comentarios, a organización de menús, categorías e etiquetas, a instalación de plugins, a xestión de usuarios e idiomas e, para completar a actividade formativa, comentaranse factores de grande importancia para calquera espazo na web hoxe en día, como a optimización para buscadores e a integración de redes sociais. Non faltarán consellos e ideas para publicar contidos de interese, ou a recomendación de ferramentas que poidan facilitar o traballo.

Iñaqui Quenerapu impartindo unha charla no CNTG

PUBLICIDADE