InnoBAN organiza en Vigo un obradoiro sobre a presentación de proxectos ante investidores

luns, 6 de maio do 2013 Redacción

Captar o interese de investidores é un proceso complexo, de aí que a rede de business angels para a innovación InnoBAN organice para o vindeiro 9 de maio ás 10 horas no Gran Hotel Nagari Boutique & SPA de Vigo un obradoiro de sobre como presentar proxectos ante investidores. O obxectivo desta actividade é capacitar aos emprendedores a presentar o seu proxecto ante investidores a través dun elevator pitch, dunha presentación de 10 minutos con soporte gráfico e dun resumo executivo.
O taller proporciona aos participantes os coñecementos e as ferramentas necesarias para presentar os seus proxectos empresariais ante posibles investidores e evitar os principais erros que adoitan cometerse nesta fase do proceso de captación de recursos. Os emprendedores aprenden que dicir durante unha presentación e cales son os factores que resultan críticos para os investidores. Reciben consellos para asegurar que a súa presentación capta a atención e o interese dos investidores. Tamén aprenden que non debe incluírse na presentación, para evitar aqueles sinais que os investidores buscan nunha presentación para descartar proxectos. O obradoiro comeza cunha introdución ao angel investment e ás especificidades do investimento en proxectos empresariais innovadores en fases iniciais de desenvolvemento.

PUBLICIDADE