Iníciase a tramitación da Lei de Administración Dixital

xoves, 1 de xuño do 2017 Redacción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, informou hoxe do inicio da tramitación da Lei de Administración Dixital de Galicia que permitirá un marco normativo único e ofrecer servizos máis sinxelos e eficaces. Para iso, a Lei dotará á Comunidade dun marco legal único que recollerá todos os aspectos necesarios para acadar unha Administración 100% dixital. Nel vanse sistematizar todos os decretos, ordes e outras disposicións sobre as relacións administrativas dixitais que a Xunta vén elaborando desde o ano 2010, poñendo fin á dispersión normativa que hai na actualidade para lograr unha maior eficacia e simpleza dos procedementos.
Unha das principais novidades do documento será a creación dun sistema de indicadores que facilite seguir os avances na dixitalización da Administración.
Entre os aspectos que concretará a Lei de administración dixital de Galicia están: os dereitos e deberes dos cidadáns e da Administración nas súas relacións; os dereitos e deberes dos empregados públicos; os instrumentos de funcionamento interno para a xestión dixital da Administración; o impulso específico que precisa a dixitalización das relacións con sectores coma o turístico, o industrial ou o rural; os medios necesarios para a cooperación con outras Administracións públicas; os órganos de goberno necesarios para o desenvolvemento dixital; e os sistemas de seguridade necesarios para que esta dixitalización se leve a cabo con todas as garantías, entre outras medidas.
O texto lexislativo está dispoñible a consulta pública previa no portal de transparencia da Xunta de Galicia, co obxectivo de que sexa aprobada definitivamente polo Consello e inicie a súa tramitación parlamentaria no segundo semestre deste ano. Entre este ano e o seguinte avanzarase, tamén, noutros aspectos relativos á dixitalización, como a nova sede electrónica da Xunta, máis adaptada a dispositivos móbiles e con posibilidade de personalizala en función do perfil do cidadán ou empresa, que entrará en funcionamento no último trimestre do ano. Así mesmo, reformularanse tamén as Oficinas do rexistro e crearase a figura do funcionario habilitado e do rexistro de apoderamentos, para que unha persoa autorizada ou un funcionario poida realizar trámites telemáticos en nome doutra persoa.

PUBLICIDADE