Infonet amosa o longo alcance de Controlbox perante o director do IGAPE

mércores, 13 de abril do 2016 Fernando Sarasketa


As nosas empresas do sector TIC seguen a lucir músculo. Onte foi a quenda da santiaguesa Infonet, que amosou as súas instalacións, proxectos e desafíos perante o director do Instituto Galego de Promoción Económica, Javier Aguilera. Na súa visita, o responsábel do IGAPE salientou a aposta desta compañía polo programa ReAcciona para mellorar a súa competitividade, “redefinindo as súas liñas de negocio e promovendo novas accións para o relanzamento comercial”. Infonet, firma centrada en servizos TIC (soporte e mantemento de sistemas, protección, seguimento da seguridade da información, etc), atesoura máis de quince anos de andaina no sector. Un dos seus produtos estrela é Controlbox, desenvolvido xunto con Hacce. Durante a estadía de Aguilera na sede da firma amosáronselle as súas características principais.
Trátase, sinalóuselle, dun produto innovador desenvolvido co apoio do programa ReAcciona e destinado a reforzar a seguridade informática das empresas e a facilitar que consigan un meirande rendemento do seu capital humano, “mellorando a produtividade e protexendo a súa información sensíbel”. Abrangue tarefas de configuración e integración de hardware con ferramentas de software que permiten observar, esculcar e descubrir o que acontece nunha rede de equipos informáticos mediante a interceptación das comunicacións e toda a actividade realizada nos equipos. Posibilitaría cousas como o achado de evidencias de fugas de información, empregados desleais, hábitos de navegación incorrectos, ameazas de seguridade internas, problemas de acoso laboral e ameazas, etc.
O xerente de Infonet, Rafa Villaverde, debullou as capacidades do novo produto e, tamén, o potencial da empresa para acadar a mellora continua dos seus niveis de servizo e das súas respostas perante incidencias.

PUBLICIDADE