Infojobs premia esta semana con 10.000 euros a mellor aplicación do seu concurso

martes, 12 de febreiro do 2013 Redacción

Infojobs, servizo en liña para a oferta e a demanda de traballo, presentará este 15 de febreiro os vencedores do seu certame para o deseño da súa mellor app, certame do que xa falamos nesta web con motivo de ter chegado ao medio milleiro de desenvolvedores convocados. O transcurso da proposta InfoJobs App Challenge (así se fai chamar), salientou, en palabras do seus responsábeis, pola calidade e ampla potencialidade das ferramentas achegadas, que son “as máis imaxinativas e útiles para axudar a atopar traballo”. O recurso gañador recibirá un recoñecemento de 10.000 euros. A idea máis orixinal obterá un premio de 1.000 euros e a que sexa obxecto de máis votos en liña, outros 1.000 euros.
As ferramentas en cuestión, as finalistas, son Kazajob, aplicación HTML5 que pon en contacto a persoas que precisan axuda para atopar emprego con persoas que son expertos no seu sector; InfoJobs Card, comunidade 2.0 na que os usuarios publican ofertas; BMyjob, que simplifica e fai máis rápidas e divertidas as procuras de traballo na rede de Infojobs; QRjobs, que pretende atraer as ofertas de emprego clásicas á plataforma de InfoJobs, e JobsCapture, que permite axudar a outras persoas compartindo datos sobre ofertas de traballo. Complementan a listaxe Asistente Emprego, que axuda a todas as persoas que estean a buscar traballo; Vídeo entrevista InfoJobs, unha app que permite a realización de vídeo-entrevistas de forma remota; Crowdjob, un novo portal creado para que varias persoas busquen e atopen traballo en equipos; InfoJobs As miñas Entrevistas, unha app para xestionar todas as entrevistas do usuario, e Job stats, que permite comparar a demanda no mercado laboral de diferentes coñecementos e habilidades.

PUBLICIDADE