InfoJC presenta en detalle a súa aposta tecnolóxica a prol da accesibilidade

mércores, 27 de xullo do 2011 Fernando Sarasketa

A sede de Amencer-Aspace acolleu recentemente unha xornada sobre accesibilidade e novas tecnoloxías

A empresa InfoJC, unha das máis experimentadas compañías galegas do eido TIC (xa son máis de 30 anos ao pé do canón, tal e como lembramos hai uns meses dende a web de Código Cero), presentou recentemente un innovador servizo destinado a mellorar a calidade de vida das persoas con diversidades funcionais ou en situación de dependencia a través dun emprego eficaz e pleno das novas tecnoloxías da información. Estamos a falar da plataforma iDigitalBox, un desenvolvemento presentado no marco das xornadas Un mundo accesible, organizadas por Amencer-Aspace nas instalacións que este centro ten en Pontevedra.
A plataforma, que tamén foi dada a coñecer nuns encontros promovidos por TADEGa e EGANET, consiste nunha aplicación para o control integrado de servizos multimedia para persoas con características físicas e motrices particulares. O programa permite a xestión dos servizos audiovisuais, de comunicación e mesmo de seguridade dispoñíbeis no fogar dixital, dende un único punto do manexo.
No transcurso deste encontro, no que participaron diversos representantes de espazos de investigación, empresas e máis universidades (achegando cadansúa proposta a prol da independencia dos devanditos colectivos), deuse cabida a unha demostración práctica do potencial da tecnoloxía de InfoJC, na que se amosaron polo miúdo servizos adaptados para persoas con parálise cerebral, como unha ferramenta para ler as novas do día de xeito automático.
Por certo que as xornadas terán continuidade no mes de setembro en Vilagarcía (no Centro de Atención Integral Princesa Letizia) e máis en Vigo (no salón de actos da Zona Franca), os días 16 e 23 do dito mes, respectivamente.
Sinalar que amais de InfoJC, na xornada desenvolvida en Pontevedra tamén participaron Manuel Riveiro e Iago Santalla, que deron a coñecer o seu libro conxunto O límite do potencial humano, estudo que bota por terra a falsa idea de que certas características físicas ou mentais poden impedir o noso desenvolvemento pleno na sociedade actual. Asemade, interveu na xornada Luis Álvarez Sestelo, do Centro Gradiant, quen xunto con Javier Cebreiros, responsábel de Proxectos de I+D de InfoJC, fixeron fincapé na importancia de por en marcha tecnoloxías que faciliten a concorrencia da cidadanía por enteiro nas vantaxes da Sociedade do Coñecemento, tecnoloxías que, sinalaron, teñen especial potencial de uso e adaptabilidade cando se basean sobre software libre.

PUBLICIDADE