Inés Rey loa o espírito transformador da Coruña na inauguración de Ecosystems2030

venres, 3 de xuño do 2022 S. P.

Este xoves 2 de xuño o recinto PALEXCO (A Coruña) acolleu a inauguración dun evento tecnolóxico de gran relevancia: a segunda edición de Ecosystems2030, que está a xuntar até hoxe venres, no dito pazo de congresos, a medio centenar de expertos de empresas tecnolóxicas de primeira liña, co reto común de avaliar as posibilidades que abren tecnoloxías disruptivas, ou sexa, a robótica, a Intelixencia Artificial, a cadea de bloques, as tecnoloxías inmersivas, o ámbito fintech ou os vehículos intelixentes e autónomos. A inauguración veu da man da alcaldesa Inés Rey, quen salientou o potencial da cidade “como polo de atracción de proxectos dixitais e sustentábeis”.
A rexedora estivo acompañada durante o acto de apertura por Omar Hatamleh, presidente executivo de Ecosystems2030 e ex-directivo da NASA, e Nikki Eberhardt, presentadora do evento.
Inés Rey incidiu “na importancia de sentar as bases da transformación da cidade nun gran polo de atracción de proxectos dixitais e sustentábeis, creando un ecosistema de investimentos acorde coas grandes empresas do sector”. E engadiu, facendo alusión á axenda A Coruña 2030 destinada a impulsar o novo paso evolutivo da cidade: “Quero presentarvos e invitarvos á próxima gran transformación da Coruña. Un espazo de innovación e investigación ante os novos retos sociais, medioambientais e dixitais. Un ecosistema empresarial que entende as propostas de innovación e o necesarias que son para atraer novos investimentos. Un ecosistema urbano aberto para integrar as novas tecnoloxías para axudar a resolver os retos de cidade nun mundo global”.
Segundo comentou Inés Rey, o obxectivo do Concello é converter A Coruña “nun espazo de innovación capaz de facer fronte aos novos retos dixitais e ás novas posibilidades de negocio”. Para iso, estúdanse as novas tecnoloxías, como o metaverso, e invístese en proxectos de gran relevancia como a Cidade das TIC, que aspira “a ser a referencia da Intelixencia Artificial a nivel nacional e un gran polo de xeración de empregos”, explicou, engadindo que “somos conscientes de que non podemos levar a cabo esta transformación nós sós, que temos que ser parte dun grande ecosistema de transformación”.
Pola súa banda, Omar Hatamleh quixo agradecer o compromiso do Concello con este congreso. "Trouxemos un evento transformador para a cidade cun enfoque tecnolóxico global. Falaremos de varias cuestións de gran relevancia para as persoas. Iso caracteriza o noso ecosistema, que todos os temas teñen cabida", sinalou.

Programa e xornada de portas abertas

Algúns dos nomes máis destacados que participarán estes días no congreso son Inderpal Bhandari, directivo de IBM; Miuel Alava, director xerente de Amazon Web Services; Andy Palmer, ex-director executivo de Aston Martin; Juan Vicén Balaguer, co-fundador de Zeleros Hyperloop; Ignacio Tovar, director de innovación de Iberia; Adipat Virdi, experto en experiencias inmersivas e realidade virtual e ex-responsábel de RV de Facebook; Pinar Emirdag, directora de servizos dixitais de JP Morgan; JoAnn Stonier, directiva de Mastercard; Michael Lawrick, xefe de innovación de Deloitte; ou Ignacio Rivera, presidente executivo de Hijos de Rivera. Tamén destaca a presenza de dous ex-primeiros ministros europeos: Zlatko Lagumdzija (Bosnia e Hercegovina) e Esko Aho (Finlandia).
Durante estas dúas xornadas analizarase o futuro de diferentes sectores, como son a Intelixencia Artificial, o transporte, as finanzas, o entretemento ou os desafíos xeopolíticos.
O sábado, de 16.00 a 19.00 horas, a entrada a Ecosystems 2030 será libre para toda a cidadanía. Os coruñeses e as coruñesas terán a ocasión de afondar nos grandes retos tecnolóxicos da súa cidade e da sociedade en xeral para os próximos dez anos, e coñecer da man de directivos/as de Google, como Pilar Manchón, e outras grandes empresas a visión empresarial sobre esa transformación.

PUBLICIDADE