Ineo proponlle á Xunta a súa colaboración en materia das TIC

martes, 14 de xullo do 2009 Raquel Noya

Ao longo das últimas semanas, a Xunta Directiva de Ineo, en representación das empresas asociadas, estivo a reunirse cos diferentes departamentos da Xunta de Galicia para darse a coñecer entre os novos cargos do goberno autonómico e presentarlles difererentes propostas de colaboración para levar a cabo ao longo desta lexislatura.
Sen ir máis lonxe, a pasada semana, Ineo reuniuse coa Dirección Xeral de Traballo da Consellaría de Traballo e Benestar para tratar, entre outros asuntos, a realización de cursos de formación TIC ou a participación en plans experimentais de emprego. Asemade, mantívose unha reunión entre os representantes de Ineo e a Subdirección de Sistemas Informáticos da Consellaría de Sanidade da Xunta de Galicia á que tamén se lle trasladaron as posibilidades que ofrecen as empresas de Ineo na elaboración de proxectos de innovación e implantación TIC no ámbito da sanidade, así como a divulgación do uso das TIC por parte do persoal sanitario.
Por outra banda, ao longo desta semana, os directivos de Ineo teñen previsto levar a cabo unha reunión coa Secretaría Xeral de Educación, e, en breve, está dentro dos plans de Ineo pechar unha entrevista tanto coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica como co Director Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, así como coa Presidencia da Xunta de Galicia.
Deste xeito, a asociación de empresas do sector TIC de referencia en Galicia cumpre, segundo veñen de anunciar os seus responsables, “coa súa misión de promover a implantación e o aproveitamento das TIC por parte da sociedade” e ao mesmo tempo, “achegar novas oportunidades de negocio para as súas empresas mediante a apertura de novas liñas de colaboración coa Administración”.
Na imaxe, os directivos de Ineo na presentación dunha xornada en Ourense.

PUBLICIDADE