Ineo organiza una nova xornada de divulgación de proxectos colaborativos de I+D+i

mércores, 25 de maio do 2011 Raquel Noya

Workshop, obradoiro, seminario, taller..., podemos chamarlle como queiramos a este tipo de xornadas de traballo, pero o que conta é que nelas sempre se pretende facer o mesmo: tirarlle proveito a todas cantas ferramentas existen para potenciar a innovación e o desenvolvemento das empresas que máis o precisan.
Desta volta, INEO puxo o ollo nas axudas destinadas a financiar este tipo de actividades, polo que, mañá xoves, 26 de maio, celebrará unha xornada de traballo que leva por título: Proxectos de I+D colaborativos en esquemas de axudas nacionais e europeas.
Esta xornada, ou workshop, ten como obxectivo expor as claves para o desenvolvemento de proxectos innovadores baseados na colaboración, “con capacidade para atraer financiación nacional e europea”, aseguran.
A cita terá lugar no Salón Galicia da CEP (Avda. García Barbón, 104, 1ª planta. Vigo) e dará comezo a partir das 10:00 horas, coa inauguración do acto da man de José Manuel Fernández Alvariño, Presidente da CEP e Jorge Cebreiros Arce, Presidente de INEO.
Logo da intervención dos presidentes das entidades organizadoras, Javier Echavarri, do departamento de Telecomunicacións, Electrónica e Informática do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), explicará o funcionamento das ferramentas de financiación máis relevantes que hai nos ámbitos nacional e europeo para proxectos de I+D+i, e Luís Sestelo, xerente de GRADIANT, falará sobre o desenvolvemento de ideas de innovación “como proxectos con capacidade para atraer financiación nacional e europea”.

Mesas de traballo para buscar sinerxías en I+D+i

Este workshop completarase cunha nova edición do INEO InnovaMeet; unha serie de encontros que teñen como obxectivo fomentar o achegamento entre empresas tecnolóxicas e empresas de diversos sectores produtivos, que demandan solucións TIC coas que darlle pulo á súa competitividade.
Xa que logo, entre as 11:30 e as 13:00 horas, desenvolveranse entrevistas de traballo entre empresas asociadas a INEO e compañías de distintos sectores, a fin de “sentar as bases para o desenvolvemento de proxectos de I+D+i, e detectar sinerxías que impulsen a innovación en distintos sectores produtivos”.

PUBLICIDADE