Ineo organiza o día 24 un encontro de negocio entre sectores tecnolóxicos galegos

martes, 9 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

A asociación empresarial Ineo organiza este 24 de xuño na súa sede da Zona Franca (Vigo) unha xornada dirixida ás compañías galegas do sector das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC) na que os asistentes poderán coñecer cales son as necesidades doutros sectores produtivos galegos ás que o sector TIC pode achegar solucións. O obxectivo principal do evento é que as empresas galegas do tecido dixital agrupadas dentro da asociación Ineo coñezan de primeira man en que poden axudar ás empresas doutros sectores e, ao mesmo tempo, accedan a novas oportunidades de negocio.
Con este fin, está previsto que nesta xuntanza (que comezará arredor das 9.30 horas) interveñan representantes dos clústers galegos da madeira, da acuicultura e da enerxía así como os representantes das Plataformas Tecnolóxicas Galegas de cada un destes sectores.
Os relatores trasladaranlles aos asistentes cal é a situación actual das empresas de cada sector, cales son os principais problemas cos que se atopan e cales as áreas nas que sería preciso realizar unha mellora tecnolóxica para aumentar a produtividade das empresas. Informarán ademais dos proxectos de innovación que se están a desenvolver dentro de cada un dos sectores e das posibles liñas de colaboración que poden establecerse entre o eido tecnolóxico e o resto de eidos produtivos.
A actividade inclúe tamén unha explicación de cales son as axudas e subvención vixentes dirixidas á modernización tecnolóxica dos diferentes sectores e a forma na que as empresas poden acollerse a elas para subvencionar proxectos neste eido.
Por outra banda, ademais das exposicións informativas, está previsto que, haxa un espazo no que os asistentes poidan entrevistarse individualmente cos relatores e obter asesoramento personalizado en torno a cuestións nas que poidan ter especial interese.
Por certo que a actividade organizada pola asociación Ineo (a celebrar co epígrafe TIC to Market) contará co apoio en cuestións de financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica, a través da Consellería de Economía e Industria.

PUBLICIDADE