Ineo organiza o 4 de outubro un almorzo de traballo sobre as vantaxes da colaboración fronte á crise

luns, 27 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Se a crise aperta, a fórmula pasa polo lóxico: a busca de novas actividades produtivas diferentes das que nos levaron en boa medida a esta situación. Falamos polo tanto dunha meirande aposta polo coñecemento e, tamén, por estratexias que contribúan a deixar de lado a desconfianza noutras empresas do noso sector para facer fincapé na cooperación. Informar polo miúdo das vantaxes de innovar arredor da información en mancomún é un dos obxectivos do almorzo de traballo Cooperación en tempos de crise, xuntanza organizada pola asociación galega Ineo e que, como seu propio nome indica, diríxese a salientar o traballo conxunto como “factor clave” para a supervivencia das pequenas e medianas empresas en tempos de recesión. O foro, que se vai desenvolver na sede da Confederación de Empresarios da Coruña, reflectirá na súa feitura os contidos a tratar. É dicir, xa que se trata dun encontro sobre colaboración e sobre novas canles activas de comunicación, constituirase en sesións abertas e participativas.
O almorzo conta co patrocinio do IGAPE e da Consellería de Economía, sendo o gran obxectivo dos organizadores abranguer o máximo número de participantes e a meirande variedade de procedencias. Así, está dirixido non só a empresas do sector tecnolóxico e dixital, senón tamén a empresas dos restantes sectores, a centros de investigación e a universidades.
Para reforzar estes e outros obxectivos, o evento contará coa presenza dun dos máximos especialistas europeos neste eido da investigación: Rémi Orth, comisario de PIN-SME. “A súa experiencia na dirección de proxectos de cooperación entre empresas do sector TIC e entre axentes políticos a nivel europeo”, sinala Ineo, “convérteno nun acreditado relator acerca de cuestións como a colaboración e a súa relevancia en tempos de parón produtivo”. A súa intervención comezará cunha análise do traballo en común para logo dar comezo a unha rolda de debate entre os asistentes, que poderán propoñerlle dúbidas e afondar en cuestións de interese sobre as novas tendencias empresariais.
A inscrición no almorzo é gratuíta, pero é imprescindible confirmar asistencia na seguinte conta de correo electrónico: comunicacion@ineo.org. As prazas son limitadas.

PUBLICIDADE