Ineo organiza o 21 de outubro un encontro para implicar ás empresas na innovación do transporte

xoves, 23 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

O Proxecto Smart para a innovación no transporte en superficie, unha iniciativa europea da que xa temos falado nesta web, conta cunha ampla participación galega, tanto dende o ámbito institucional (da man da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial) como dende o eido empresarial (o apoio da asociación Ineo, que representa ao sector galego no dito proxecto). Pois ben, este ingrediente galego do proxecto vaise notar dun xeito especial os días vindeiros coa celebración en Santiago de Compostela da sesión Smart Intracluster Event, un encontro de traballo inserido no Proxecto Smart e que se dirixe a xerar ideas innovadoras “que poidan presentar ás diferentes convocatorias europeas no ámbito do transporte”, informa Ineo, entidade organizadora do evento. A xuntanza, que se vai desenvolver o 21 de outubro, incluirá tres mesas de traballo, especializadas nos seguintes eixes temáticos: circulación eficaz, circulación segura e circulación asistida.
Ademais, nesta xornada informarase das convocatorias de axudas europeas no ámbito do transporte. Os profesionais e empresas que desexen inscribirse deberán comunicalo ao seguinte enderezo de correo: comunicacion@ineo.org. A asistencia é gratuíta para os socios da devandita entidade profesional e inclúe un almorzo-buffet.
Smart, un programa europeo que ofrece servizos de apoio a empresas do transporte para que participen en iniciativas de innovación, conta coa presenza activa nas súas fileiras de asociacións, axencias de innovación, empresas de transferencia tecnolóxica e grandes compañías ligadas ao transporte. En representación galega atópase Ineo e máis a Fundación para o Fomento da Calidade, que se dedica a involucrar ao meirande número de entidades galegas que estean interesadas en concorrer en proxectos de investigación aplicables ao transporte.
O papel de Ineo no programa é semellante, e así nolo definiu hai uns meses o seu presidente, Jorge Cebreiros: “Formando parte do proxecto Smart estamos a introducir ao sector TIC galego neste importante proxecto do eido europeo e, ademais, podemos detectar oportunidades de colaboración con empresas e entidades tecnolóxicas de ámbito internacional”.

PUBLICIDADE