Ineo, o COETG e Telefónica afondan nas eivas e logros de Galiza na Rede

xoves, 15 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Co gallo do festexo duplo do 17 de maio (día das redes e das Letras), a Asociación Ineo organizou onte en Vigo un encontro encamiñado a albiscar o futuro da Sociedade da Información na Galiza e, asemade, da nosa terra na Sociedade da Información. Dito doutro xeito: o obxectivo era localizar aqueles puntos onde ámbolos conceptos son e poden ser máis difíciles de desligar. A xornada, organizada en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (COETG), contou coa presenza do director xeral de Ineo, Manuel Soliño, do vicedecano do Colexio, Miguel Merino, e do director de relacións corporativas territoriais de Telefónica, José de la Peña.
Todos eles coincidiron en achegar unha serie de prognósticos e en poñer de manifesto as eivas a nivel social e tecnolóxico que cómpre solucionar en Galiza.
Para De la Peña, o prioritario neste intre para afianzar en todos os eidos o emprego das novas tecnoloxías é aplicalas de xeito correcto no tecido empresarial, agora que xa “temos as infraestruturas axeitadas”, comentou. Só así, engadiu, se poderá mellorar no eido da competitividade.
Foi precisamente un estudo da operadora á que representa De la Peña (o Informe Telefónica sobre a Sociedade da Información do pasado ano 2007), o que serviu de apoio e fonde de datos para unha boa parte do relatorio. Deste xeito, tal e como reflicte a investigación, salientouse sobre todo o medre do número de internautas en Galiza, o emprego intensivo de servizos ou a banda larga e a súa extensión progresiva. Sobre este último punto, destacouse o esforzo (por riba da media nacional, sinalouse) por levar as novas tecnoloxías aos núcleos de poboación máis afastados, “traballos en boa medida desenvolvidos pola Consellería de Innovación”.
Sobre o devandito cambio sinalado no uso da Internet, dicir que se puxeron sobre a mesa unha serie de datos de interese:
· Preto do 15% dos usuarios agrega contidos RSS (Really Simple Syndication).
· O 6,5% dos que navegan pola rede teñen creado un blog.
· O número de persoas que leen estes blogs está ó redor do 25%.
· 57,3% da poboación afirma que empregou algunha vez a Rede.
· O 44% afirma que entrou en Internet nos 3 últimos meses.
· O 27% declara que fixo uso dela no día de onte.

PUBLICIDADE