Ineo incide na necesidade de promover as novas tecnoloxías para deixar atrás a crise

xoves, 22 de abril do 2010 Redacción

Jorge Cebreiros, presidente da asociación empresarial con sede na Zona Franca de Vigo

A asociación Ineo xa hai tempo que vai alén do que implica o seu nome, termo que en latín alude ao feito de emprender un camiño. De feito, se puideramos situar á plataforma empresarial ao longo do vieiro veríamos que o desprazamento está ben avanzado. A súa traxectoria é parella á das nosas firmas TIC, que en boa medida representa: do esforzo por sobrevivir en vía única ao traballo colectivo dunha autoestrada que abrangue a todos os sectores. As vindeiras accións programadas por Ineo, enumeradas a continuación por Jorge Cebreiros (presidente da plataforma), así o certifican: a promoción da Rede é semellante á Rede mesma, múltiple e cooperativa. As actividades, malia o abano de formatos e temas (busca de axudas para os membros, apertura de mercados, xornadas de divulgación TIC), teñen un eixe definido: a procura do medre produtivo. Nesta liña é onde se insiren, tamén, os plans de Ineo para acadar certificacións de calidade no seo das súas empresas, proxectos que supuxeron a implantación de normas en 49 membros.
A xuízo de Cebreiros, a promoción das ferramentas dixitais e das firmas galegas que as achegan é a todas luces unha medida anticrise. De pensar en termos tradicionais (non dixitais), as novas tecnoloxías serían o punto e final do parón produtivo. Por iso son tan cruciais as axudas dos Gobernos central e autonómico, di, para axudar a que o éxito se faga visible.
-A asociación que vostede preside, Ineo, leva xa un tempo desenvolvendo actividades e proxectos para contribuír a aumentar o negocio nas empresas ás que dá acubillo. Que nos pode dicir destas accións? Cales son a día de hoxe e cara a onde se dirixen?
–Efectivamente, desde que botamos a andar en Ineo non deixamos de traballar para contribuír ao crecemento das nosas empresas. Agora mesmo estamos nun intre relevante para o avance da asociación. Refírome a que temos postos en marcha varios proxectos de gran calado a nivel europeo, que van ser decisivos para que as nosas empresas poidan acceder a maiores oportunidades de negocio e participar en proxectos amplos. Neste sentido, temos decidido participar en varios proxectos á convocatoria de Interregs, un deles con carácter transfronteirizo. Tamén concorremos noutro proxecto do 7º Programa Marco, liderado pola Fundación par ao Fomento da Calidade e, relacionado co sector da loxística. Isto polo que se refire ao nivel europeo. Ao mesmo tempo, colaboramos a nivel nacional con CONETIC e máis con AETIC, entidades coas que participamos de continuo en proxectos conxuntos para ofrecerlles ás nosas empresas a posibilidade de acceder a novos mercados. Tamén estamos a traballar cunha entidade de referencia como é o INTECO (instituto de promoción tecnolóxica dependente do Ministerio de Industria); precisamente, o vindeiro día 28 de abril imos organizar de maneira conxunta unha xornada de sensibilización sobre o uso do DNI electrónico na Confederación de Empresarios de A Coruña. Seguimos tamén a traballar na modernización do conxunto de sectores empresariais de Galicia: primeiro foron o sector do clúster gráfico e do téxtil; agora, empezaremos a traballar no sector da cultura e turismo.
-Supoño que, ademais de proxectos de futuro, tamén se estarán a ver agora resultados doutros que se puxeron en marcha anos atrás, ¿Cal é a súa valoración do que se leva feito ata agora? ¿Qué proxectos nos que se traballou deron mellores resultados?
-Desde o principio definimos unhas liñas de traballo moi concretas, nas que centramos os nosos esforzos e que ata agora deron moi bos resultados. Os proxectos de implantación de certificacións de calidade nas empresas son unha das liñas estratéxicas das que obtemos rendementos francamente positivos. Recentemente, obtiveron as correspondentes certificacións en ISO 20000 once novas empresas TIC galegas a través dos proxectos coordinados por Ineo. Tamén acadaron a certificación dos seus Sistemas de Xestión da Seguridade da Información (SXSI) baixo a norma ISO 27001 outras catro empresas ás que en breve se lle sumarán cinco máis que están agora finalizando o proceso de implantación. Pero é que o pasado ano fixérono outras nove e, desde 2006, suman xa un total de 49 empresas que implantaron diferentes normas a través do proxectos coordinados por Ineo. Os proxectos de calidade deron uns resultados extraordinarios e por iso imos seguir traballando nesta liña. Pero tamén son positivos os programas de especialización profesional, por exemplo, nos que levan participado un total de 81 empresas e 99 traballadores. A formación do persoal, a proxección das empresas socias no mercado, o fomento de actividades de innovación e a xeración de negocio para os nosos socios non deixan de estar presentes na programación de actividades da asociación, sempre co obxectivo de ampliar as capacidades das empresas e de facelas máis competitivas.
-Vivimos tempos complicados. Por unha banda a crise aperta pero, pola outra, imponse a necesidade de superarnos a nós mesmos produtiva, empresarial e comercialmente. No medio de todo o negativo, semella que quen opte pola vía de ollar cara adiante vai ter ao seu alcance algún que outro apoio. Referímonos ás axudas para a innovación que veñen de anunciar o Ministerio de Industria (Plan Avanza) e a Secretaría de Modernización da Xunta. Que opinión lle merecen estes apoios? Poden representar oportunidades para as nosas empresas? Non sería mellor aparcar calquera estratexia de innovación con vistas a que se superen estes tempos de crise?
-Como ben dicías, a crise está a afectar a todos os sectores e no ámbito das TIC tamén se nota, sobre todo porque se trata dun sector provedor doutros. Pero as crises representan sempre unha oportunidade e, no noso caso, temos que facer ver ao resto de empresas que as novas tecnoloxías poden ser a clave para a superación desta etapa. Efectivamente, é preciso ollar cara a diante, tendo en conta que os que non se adapten non van sobrevivir. É unha cuestión fundamental a ter en conta desde a Administración á hora de deseñar as políticas de apoio ás empresas. Os fondos destinados polo Ministerio para as axudas do Plan Avanza triplicáronse nos últimos catro anos co obxectivo, entre outros, de promover a incorporación das tecnoloxías da información nas empresas, fundamentalmente nas pemes. Acábanse de publicar as bases para o ano 2010 e consideramos que representan unha oportunidade para o financiamento de proxectos de innovación nas empresas. No tocante ás axudas anunciadas pola Secretaría Xeral de Modernización, desde Ineo consideramos que o enfoque é axeitado. As bases están deseñadas tendo en conta as necesidades das empresas e aliñadas cuns obxectivos estratéxicos, entre os que se atopan promover un tecido empresarial TIC altamente competitivo, acadar un efecto demostrador dos produtos e servizos das empresas TIC galegas, fomentar a demanda temperá e extraer o máximo aproveitamento das posibilidades TIC, para que este sector actúe como dinamizador da economía.
-A asociación Ineo, directa ou indirectamente, tamén participa a cotío na organización de xuntanzas e foros que impulsen o intercambio de coñecemento sobre o principal reto empresarial galego do eido TIC: medrar dentro e fóra da nosa xeografía. É nesta liña onde se sitúa o Foro Cloud Computing que Ineo organiza no mes de maio en Santiago? Que nos pode dicir dos obxectivos deste evento? En que consisten os termos “Cloud Computing”?
-No eido tecnolóxico, un dos temas que está máis de actualidade son as solución de virtualización. O aforro de custes en infraestruturas e recursos que ofrece este tipo de ferramentas está a permitir o seu espallamento en grandes e pequenas empresas de tódolos ámbitos. As solucións de virtualización evolucionan cara a novos modelos de xestión de infraestruturas que permiten o uso racional e flexible dos recursos de TI (Tecnoloxías da Información). Esta nova forma de virtualización é o que se coñece como Cloud Computing ou Computación na Nube, un modelo de computación flexible que permite a xestión de recursos TI como servizos a través de Internet. O I Foro Cloud que terá lugar en Santiago de Compostela o vindeiro 20 de maio pretende ser un foro de coñecemento e de aprendizaxe no que Goberno, Administracións, tecido empresarial, líderes de opinión e fabricantes de software e de hardware compartan a situación actual e debatan puntos de vista sobre a virtualización en aras do dinamismo tecnolóxico de Galicia.
-Tamén temos á vista a Asemblea Xeral Ordinaria de Ineo, case con toda seguridade a reunión máis salientable do ano para asociación. Como é este modelo básico de reunión para as empresas integrantes? Que nos pode adiantar da xuntanza programada?
-A Asemblea Xeral é, efectivamente, a reunión máis importante do ano para Ineo. Este é o órgano supremo de goberno da asociación, está composto por todos os asociados e a ela corresponde a adopción dos acordos de maior transcendencia da vida asociativa. Os acordos da Asemblea Xeral validamente adoptados obrigan a todos os membros da asociación.
-A Xunta vén de anunciar a súa aposta por unificar dúas iniciativas de promoción dixital que até agora ficaban separadas: a Rede de Telecentros e máis a Rede de Dinamización da Sociedade da Información. Para fortalecer o proxecto único, a Rede CeMIT, prepárase a celebración dunhas 2.000 accións tecnolóxico-educativas. Cal sería na súa opinión a clave do éxito do proxecto? Quen cre vostede que precisa con máis urxencia formación en redes? Sería bo para Ineo que a Rede chegase a tódolos eidos da nosa sociedade?
-A alfabetización dixital é fundamental e penso que a creación da Rede CeMIT supón un importante vehículo para a promoción de iniciativas encamiñadas a impulsar as TIC, xa que se presenta como un elemento clave para a coordinación das distintas accións. Penso que a clave para o éxito deste proxecto pode estar na súa capacidade para aproveitar as sinerxías que está a desenvolver a Xunta de Galicia. É preciso aproveitar a profesionalidade do persoal que integra os departamentos implicados para ofrecer aos cidadáns servizos máis eficientes, de calidade e inseridos nunha estratexia coherente e transversal. Se sería bo para Ineo? Sería bo, en primeiro lugar, para o conxunto da cidadanía. E tamén para Ineo e para as súas empresas, xa que estas accións formativas van requirir desde o primeiro intre unha dotación de equipamento e infraestrutura.

PUBLICIDADE