Ineo dános as claves TIC para afrontar con éxito a internacionalización

xoves, 20 de febreiro do 2020 Redacción

A asociación Ineo, alianza de empresas galegas de novas tecnoloxías, celebrou este xoves en Vigo, ao abeiro do proxecto galego-portugués ECICII Plus, un obradoiro sobre canles e ferramentas dixitais acaídas para vender máis e conquistar novos mercados. A cita, celebrada na sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra, contou coa asistencia de máis de 60 profesionais de diferentes sectores interesados en comercio exterior e nas claves do eBusiness internacional.
O taller foi impartido por expertos da firma tecnolóxica Inycom. O encargado de abrir a xornada foi Luis Rey, director de operacións de Ineo, quen comezou as sesións salientando os servizos que ofrece o proxecto ECICII Plus ás PEME galegas en materia de internacionalización, servizos que se agrupan en catro bloques: accións de diagnóstico, de asesoramento, de información e de organización de misións inversas e eventos no exterior. Rey animou aos asistentes a aproveitar o potencial deste programa que “se adapta ás necesidades de cada empresa e que brinda excelentes oportunidades de negocio no exterior”.
Pola súa banda, Andrés Vicente, responsábel de operacións de eBusiness internacional de Inycom, abordou diversos puntos para concienciar ás empresas da importancia da abordar o panorama internacional dende unha óptica multicanle. Neste sentido asegurou que “a internacionalización e transformación dixital deben formar parte da estratexia de calquera empresa con independencia do seu tamaño”, engadindo que “a tecnoloxía e dixitalización son un medio para os nosos obxectivos, todos somos e temos clientes dixitais”.
No transcurso da xornada tamén se abordaron casos de éxito de PEME que se abriron ao mercado exterior. Ademais, as empresas contaron con asesoramentos individualizados ofrecidos por expertos de Inycom sobre os temas expostos.
O proxecto ECICII Plus
O proxecto Estrutura Empresarial Conxunta para o Impulso e a Captación de Iniciativas de Internacionalización, ECICII Plus, enmárcase dentro do Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. O seu obxectivo é fortalecer a capacidade de internacionalización das PEME de ámbalas beiras do río Miño a través da cooperación e do aproveitamento das sinerxías da experiencia galega e do norte de Portugal. Conta coa participación de media ducia de entidades dos dous países irmáns: a CEP, o IGAPE, a CEO, a Associaçao Empresarial de Portugal (AEP), a
Associaçao Empresarial de Viana do Castelo (AEVC) e Ineo.

PUBLICIDADE