Ineo convoca este xoves en Vigo ao máis representativo do sector TIC estatal

martes, 14 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Jorge Cebreiros, presidente de Ineo

A asociación empresarial Ineo organiza este xoves 16 de decembro unha xuntanza de profesionais do sector tecnolóxico-dixital con alcance galego e estatal. De feito, está previsto que participen nesta cita, a celebrar en Vigo, os máximos dirixentes das catorce asociacións que constitúen CONETIC, a confederación española de firmas deste eido de actividade. Asemade, intervirán no evento algúns dos máis salientables representantes do tecido produtivo da innovación galega. A xuntanza, chamada Encontro Empresarial do Sector TIC, dará comezo coa actividade InnovaMeet, un apartado con vida propia que dará acubillo a diferentes encontros de breve duración entre os participantes nesta cita e co obxectivo de asentar os alicerces de colaboración a curto e medio prazo.
Por certo que o evento tamén contará coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros (na imaxe). Os tres encargaranse de valorar o potencial deste encontro (que se prevé o primeiro dunha serie longa) e de clausuralo oficialmente.
Volvendo ao programa do encontro, cómpre dicir que entre InnovaMeet e o remate das actividades, celebrarase un xantar no que participarán os dirixentes de CONETIC e máis destacados membros do panorama institucional e produtivo da nosa terra, amais de axentes de innovación e representantes de empresas TIC.
Tras a xuntanza, Ineo presentará o seu novo Plan Estratéxico 2011-2014 perante o seu Consello Consultivo, integrado polo Consorcio Zona Franca de Vigo, a Confederación de Empresarios de Galicia, Banco Sabadell Atlántico, Novacaixagalicia, a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e as Universidades de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE