Ineo convoca este venres ás súas empresas para avaliar as vantaxes da RedTEIC

mércores, 16 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

A asociación empresarial Ineo quere fomentar o fluxo de coñecemento no seu seo, entre os socios e dos socios coa entidade mesma, amais de reforzar as posibilidades de colaboración cara a posta en marcha de proxectos innovadores conxuntos. Este é un dos grandes obxectivos das xuntanzas inseridas no programa Ineo Meeting World, un tipo de foros encamiñados a satisfacer unha demanda ben concreta entre as compañías que integran a asociación galega: a demanda de coñecemento interno. Dentro do programa sitúase, precisamente, a xuntanza que se celebra este venres 18 de marzo na Coruña, na sede da Fundación Novacaixagalicia.
Un dos obxectivos de Ineo, amais dos devanditos, é o de tirar proveito deste encontro para facer unha miúda explicación das utilidades que ofrece RedTEIC.
Esta rede é entre outras cousas unha ferramenta en liña na que están rexistradas tódalas empresas integrantes e que, malia isto, non está achegando todo o potencial que atesoura, en parte porque se descoñecen as enormes funcionalidades que ofrece.
O foro, que está aberto á inscrición a través da conta de correo comunicacion@ineo.org, dará comezo sobre as 11.00 horas coa presentación, precisamente, das vantaxes e beneficios da RedTEIC, que será avaliada polo miúdo por Gloria Díaz, xerente de CONETIC (a través de tecnoloxía de videoconferencia) logo da presentación de Jorge Cebreiros e Lucía Gregorio, presidente e directora xeral de Ineo, respectivamente. A primeira parte do foro tamén incluirá a exposición de dous casos empresariais de éxito sobre a dita ferramenta en liña, o primeiro deles analizado por Borja López, director xeral de Donosti Frame, e o segundo por Luis Martín, director xeral de Webalianza.

PUBLICIDADE