Ineo co-organiza en Madrid o primeiro Foro Tecnolóxico INTERTIC

luns, 25 de setembro do 2017 Redacción

As PEME galegas levan tres anos de atraso dixital fronte ás europeas. Este é un dos datos que máis nos tocan de preto dos recentes informes da Confederación Española de Empresas de Tecnoloxías da Información, Comunicacións e Electrónica, CONETIC, que, para combater estas e outras eivas a nivel galego e estatal (como por exemplo a escaseza de profesionais tecnolóxicos, o baixo investimento en I+D, o pequeno tamaño das PEME e os seus límites para medrar) vai celebrar o vindeiro xoves 28 de setembro, en Madrid, a primeira edición do Foro Tecnolóxico, INTERTIC. O evento contará con presenza galega, máis polo miúdo da asociación de empregas de tecnoloxías Ineo, que forma parte da asociación organizadora.
O Primeiro Foro Tecnolóxico Intersectorial dará a coñecer as oportunidades que teñen as pequenas e medianas empresas en escenarios actuais e de futuro en sectores protagonistas da transformación dixital en España, mostrará casos de éxito e identificará oportunidades de colaboración. Amais, o encontro pretende servir de punto de encontro entre as empresas asociadas e os actores relevantes relacionados con sectores estratéxicos, “nun marco de oportunidades de negocio e cooperación empresarial”, explica a organización, engadindo que outro dos obxectivos é pór en xogo “un altofalante das necesidades tecnolóxicas de máis dun millón de PEME en España”.
Ademais dunha visión teórica, os asistentes ao evento poderán coñecer casos de éxito de desenvolvemento de proxectos mediante o uso de tecnoloxías e solucións en diferentes sectores e identificar oportunidades de colaboración B2C e B2B en dinámicas de interacción e networking.
INTERTIC está orientado a directivos e profesionais daquelas empresas que queiran ser, en palabras do presidente de CONETIC, Tomás Castro, “tractoras do cambio preciso na armazón empresarial de España e, que desexen coñecer ferramentas que favorezan o seu desenvolvemento”.
O evento céntrase nas seguintes grandes áreas de negocio: Industria 4.0 (para dar a coñecer a estratexia estatal no ámbito da industria intelixente e innovadora, con posibilidades de financiamento destinado a diagnósticos e implantacións e vindeiras actuacións tanto europeas como nacionais, como a homologación de provedores de diagnósticos para o plan Activa), seguridade da información e ciberseguridade (para mostrar as oportunidades actuais no ámbito da salvagarda dos datos ou o regulamento que en poucas semanas afectará o mundo dos drones e vehículos non tripulados), Administración Electrónica (onde se falará do novo Plan Nacional de Territorios Intelixentes e daranse a coñecer exemplos reais da transformación dixital das administracións e corporacións e Smart Cities) e aplicacións móbiles (contando coa presenza de especialistas como Benoit Tabaka, senior public manager de Google EMEA, quen analizará as oportunidades presentes e vindeiras do mundo do móbil na contorna de Android e dará a coñecer as certificacións e ferramentas existentes para os desenvolvedores e para as PEME nesa contorna).

PUBLICIDADE