Ineo celebra unha xuntanza do seu Consello Consultivo e debate acerca das súas estratexias

mércores, 11 de novembro do 2015 Redacción

A asociación empresarial Ineo, referente do noso sector TIC, vén de celebrar en Vigo a reunión do seu Consello Consultivo. Na xuntanza contouse coa presenza dos principais axentes produtivos da nosa terra, que intercambiaron información e puntos de vista sobre os camiños a tomar por Ineo. O encontro reuniu ao presidente da asociación, Carlos Conde, e á súa directora xeral, Lucía Gregorio, con representantes dalgunhas das entidades máis referenciais do noso sector produtivo: confederacións de empresarios, colexios profesionais, universidades ou entidades financeiras. A un nivel máis concreto, na xuntanza participou Teresa Pedrosa (delegada do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo) como presidenta do Consello Consultivo Teresa Pedresa.
No xantar-xuntanza tamén estiveron presentes o antecesor de Conde á fronte da presidencia de Ineo e vogal da xunta directiva, Jorge Cebreiros, o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Manuel Fernández Alvariño, o presidente do Consello Galego de Cámaras José García Costas, o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (COETG), Ramón Bermúdez de Castro, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez.
Ademais, estiveron representadas as tres universidades galegas, coa presenza de Asunción Longo, vicerreitora de Investigación e Transferencia da Universidade de Vigo, o vicerreitor de Comunicación e Coordinación de Santiago, Xosé Pereira, e o adxunto de Novas Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña, Víctor Carneiro. Polo sector tecnolóxico e empresarial, asistiu o director xeral do centro tecnolóxico Gradiant Luís Pérez, e en representación das entidades financeiras, o director de Banca Institucional de Abanca Santiago Novoa e o director de Comercio Exterior do Banco Sabadell Francisco Javier Balbín.
Segundo se fixo saber dende Ineo, asociación que está a piques de cumprir dez anos de andaina impulsando o labor das empresas tecnolóxico-dixitais na nosa terra (e alén dela), a plataforma empresarial ten entre os seus obxectivos “converterse nun instrumento de desenvolvemento da competitividade do sector TIC e dos demais sectores empresariais”. Ademais, salientouse o seu papel como “referente asociativo empresarial das Tecnoloxías da Información e Comunicación de Galicia”, sendo mostra diso a implicación das principais entidades e institucións autonómicas a través do seu Consello Consultivo. Constitúen este órgano as seguintes entidades: o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), o Consello Galego de Cámaras de Comercio, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), Abanca e o Banco Sabadell.

PUBLICIDADE