Ineo celebra os seus dez anos de traballo a prol do sector TIC
mércores, 17 de febreiro do 2016
A asociación galega
Ineo, da que falamos
precisamente onte para dar conta do seu importante acordo co CPEIG
(destinado a xuntar forzas a prol do noso sector e os nosos
profesionais TIC), está estes días de celebración. Máis en
concreto, a entidade celebra os seus dez anos de actividade, unha
década de intenso traballo que lle serviu, entre outras cousas, para
defender os intereses das firmas galegas do ámbito dixital, para
facer fronte común con outras entidades a prol do desenvolvemento en
común do noso sector (por exemplo o devandito acordo co CPEIG e os
tamén recentes asinados con
TIC Ferrolterra en outubro e do formalizado
con AGESTIC en decembro) e, tamén, para afianzarse como “a
asociación empresarial do sector TIC de referencia en Galicia”.
Para celebrar os dez anos
de traballo a
asociación lanzou na Rede un vídeo conmemorativo na que se fai
repaso da filosofía pasada, presente e futura de Ineo. A peza
audiovisual, por certo, é tamén un convite a pechar fileiras, entre
todas e todos, a prol de fortalecer e reivindicar o noso tecido
tecnolóxico-dixital e, en última instancia, o propio futuro
produtivo e económico de Galicia.