Industria apoia o uso de aplicacións web baseadas en tecnoloxía na nube

luns, 28 de maio do 2012 Raquel Noya

Vista a evolución que experimentou nos últimos anos a tecnoloxía na nube, ou cloud computing, tanto a nivel empresarial como de uso particular, o Observatorio Nacional das Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (ONTSI) non podía tardar moito en realizar un estudo sobre esta tecnoloxía en España, e xa que logo, vén de presentar os resultados do informe Cloud Computing: retos e oportunidades, no que se confirma a boa acollida desta tecnoloxía.
Durante a presentación dos datos oficiais, o secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Víctor Calvo-Sotelo, salientou o grao de madurez acadado pola tecnoloxía baseada na nube e destacou a importancia do uso de aplicacións web “para levar ao sector das PEME a un escenario máis eficiente”, afirmou.
O informe elaborouse co obxectivo de analizar a situación actual e o impacto da tecnoloxía cloud computing en España, así como para identificar as oportunidades de crecemento e estratexias de adopción deste tipo de modelo tecnolóxico, especialmente nas pequenas e medianas empresas.
Del podemos extraer que as empresas do país que se decidiron a implantar esta tecnoloxía no seu seo “móstranse moi satisfeitas coa mesma” e que de feito, o investimento en cloud computing “pode supor un impacto considerable no Produto Interior Bruto (PIB) español en 2012”, segundo afirmaron os autores do informe.
Estruturado en cinco capítulos, o estudo recolle aspectos como a situación actual do cloud computing a nivel mundial, europeo e español; o coñecemento e percepción da tecnoloxía cloud por parte das PEME españolas; a visión sobre o cloud computing de expertos deste tecnoloxía; o impacto dende os puntos de vista macroeconómico, microeconómico, social e nas Administracións Públicas e no medio ambiente; e unha selección de casos de boas prácticas no uso de servizos cloud en distintos sectores de actividades, e de ámbitos privado e público.

PUBLICIDADE