Industria abre en consulta pública as axudas á innovación no eido dos videoxogos

mércores, 9 de abril do 2014 Redacción

Industria abre en consulta pública as axudas á innovación no eido dos videoxogos
O Ministerio de Industria vén de anunciar a apertura en consulta pública da convocatoria de axudas á Investigación e Desenvolvemento no sector do videoxogo. A consulta, achegada a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información (que recorda que “é a primeira vez que se fai este tipo de proceso”), servirá para definirmos as características da dita convocatoria. A través dela, Industria require dos profesionais e empresas do sector as súas opinións sobre o programa de incentivos, “co fin de facer máis efectivo o uso dos recursos públicos”.
Na consulta en cuestión especifícase a definición de proxecto que se prevé empregar nas axudas, os conceptos susceptíbeis de axuda, os limiares mínimos dos proxectos ou as modalidades de axuda e garantías que se esixirán aos potenciais beneficiarios das devanditas axudas. Industria sinala que se compromete a elaborar un informe con toda a información xerada.
O proceso está aberto na web de Industria, e os comentarios deberán remitirse antes do 16 de abril de 2014 á conta de correo secretariacontenidos@minetur.es. Unha vez obtidas e analizadas as achegas da consulta pública, está previsto que a convocatoria saia o vindeiro mes de maio e o primeiro desembolso correspondente ao exercicio orzamentario poida realizarse en o último trimestre de 2014.
Respecto do estado actual do sector, dicir que de acordo con datos recolleitos no Estudo da Economía Dixital: os contidos e os servizos dixitais, elaborado por AMETIC e PwC, a industria dos videoxogos contribuíu en 2011 á industria dos contidos dixitais en 890 millóns de euros, cifra que sitúa ao sector dos videoxogos entre as principais industrias nacionais de contidos dixitais. Na orixe destes contidos atópase o seu desenvolvemento, actividade que en 2011 contribuíu con 112 millóns de euros á industria dos contidos dixitais.

PUBLICIDADE