Indra visita as instalacións do CiTIUS

luns, 20 de marzo do 2017 Redacción

Indra, empresa española centrada en múltiples ámbitos innovadores (telecomunicacións, TIC, servizos financeiros, transporte ou enerxía), estivo a semana pasada visitando as instalacións do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) da Universidade de Santiago. A actividade desenvolveuse o xoves 16 e nela participou unha importante delegación da multinacional española, unha compañía que, como lembraremos, ten unha salientábel presenza na nosa terra, onde conta con oficinas e equipa de traballo (na Coruña e en Santiago) e onde estableceu acordos e colaboracións con múltiples entidades (coa Universidade da Coruña, con R, Ilux e Altia, ou coa Consellería de Economía para impulsar o proxecto Civil UAV Initiative).
Durante a vista, os representantes de Indra (seis en total) puideron coñecer de primeira man algúns dos resultados de investigación obtidos ao longo dos últimos meses polos integrantes do CiTIUS, participando durante toda a xornada nunha visita organizada polo centro coa que se pretendía “ofrecer unha perspectiva global das súas potencialidades científicas”.
Os “embaixadores” de Indra, nun plano máis detallado, deron conta dos detalles técnicos de cada demostrador e intercambiaron información sobre o modelo de innovación Indraventures, o recurso posto en xogo pola compañía para artellar a súa innovación corporativa, promovéndoa “tanto dentro como fóra de Indra” e baixo un modelo que busca o desenvolvemento colaborativo de iniciativas nun ecosistema aberto. Neste teñen cabida novas firmas de mercado, universidades, centros tecnolóxicos, spin-offs e aceleradoras.

PUBLICIDADE