Inaugúrase o programa #EmpregabilidadeDixital, no que participa un centenar de mozas e mozos

luns, 22 de xuño do 2020 S. P.

Este luns 22 de xuño celebrouse o webinario de apertura do programa formativo autonómico Impulso da empregabilidade, unha iniciativa virtual destinada a fortalecer e ampliar as oportunidades laborais do novo talento galego, poñendo o foco nas competencias dixitais. A sesión inaugural veu da man do director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, quen convidou aos participantes a seguir apostando por adestrarse en materia tecnolóxica, un ámbito que é, agora máis ca nunca, unha fonte inesgotábel de oportunidades profesionais e empresariais.
Casal vencellou a mellora da inserción laboral a un “entendemento claro das novas tecnoloxías e da comunicación en liña, cada vez máis hexemónicas no escenario actual”, e puxo o foco na necesidade de “contar cun modelo educativo que incentive as posibilidades de conexión coas redes de emprego, respondendo efectivamente ás demandas do tecido empresarial”.
O programa de #EmpregabilidadeDixital conta coa participación de 100 mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego nos últimos tres meses, cun modelo formativo instruído de xeito exclusivo mediante a fórmula telepresencial.
O desenvolvemento do programa inclúe a mellora en competencias tecnolóxicas coas ferramentas máis innovadoras, a análise das dinámicas de contratación en liña, o estudo sobre a construción de marca e dun perfil profesional virtual, cun modelo adaptado ao horizonte laboral actual.
Este programa enmárcase dentro do paquete formación dixital coa que a Xunta busca mellorar os coñecementos e habilidades de 2.000 persoas, unha iniciativa integrada no Plan de reactivación económica.

PUBLICIDADE