Inaugúrase no Porriño o Centro Tecnolóxico Galego do Videoxogo (CETGAVI)

mércores, 12 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Esta mañá inaugurouse no Polígono da Granxa (O Porriño) o Centro Tecnolóxico Galego de Videoxogos (CETGAVI), acto ao que acudiu o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e que serviu para salientar o potencial da industria do videoxogos na nosa comunidade. Galicia supón un 4% do sector español do videoxogo, ocupando o sétimo lugar entre as comunidades autónomas con 30 operadores económicos activos e 16 estudios, dos que 4 están na provincia de Pontevedra (1 en Pontevedra e 3 en Vigo).
Esta nova infraestrutura tecnolóxica busca servir de motor da actividade do sector en Galicia, dándolle visibilidade, e nace da man das compañías Ledisson AIT (dedicada á automatización e á robótica) e Polygon-e Studios (a quen debemos o primeiro xogo galego e en galego para Nintendo Switch, CricktoGame).
O CETGAVI tamén busca ser un punto de formación, captación de talentos e xeración de emprego para posicionar a Galicia nun sector que en España facturou 1.359 millóns de euros en 2017, polo que sería a industria cultural de maior volume, superando amplamente á suma das industrias fonográfica e cinematográfica (cuns 829 millóns de euros en total).

O delegado da Xunta en Vigo probando un sistema de realidade virtual no CETGAVI

PUBLICIDADE