InLugo comeza nova andaina con accións de divulgación TIC na contorna da cidade

xoves, 9 de abril do 2015 Redacción

Finalmente comezou este mércores a nova tempada de actividades do Centro de Innovación Social, InLugo, que xestiona a Fundación TIC (Deputación Provincial). A nova andaina, que arrancou en seis parroquias do termo municipal da propia Cidade da Muralla, achega como principal novidade a inclusión de cursos e obradoiros en toda a provincia. O obxectivo destas actividades: achegar as novas tecnoloxías a todos os maiores de 55 anos, con independencia do seu lugar de residencia. Segundo informa a Deputación este segundo trimestre haberá cursos e obradoiros en 11 Concellos e 10 parroquias do concello de Lugo, amais das habituais na sede do centro. En total, 53 accións e preto de 600 prazas gratuítas.
Os primeiros cursos desenvólvense o 8 e 9 de abril nas parroquias de San Pedro de Mera, Santa María de Bóveda, San Xóan do Campo, Poutomillos, Santa Comba e Coeses, ás que se sumarán o 27 e 28 de abril, as de Meilán, Rubiás, Santiago de Saa e Calde. En cada unha delas haberá un curso de catro horas repartido en dous días.
Os veciños de San Pedro de Mera, en horario de 11:00 a 13:00 horas e os Poutomillos, de 16:30 a 18:30, participan no taller: Mantemos en forma o cerebro; os de Santa María de Bóveda e Santa Comba no de Manéxate coas novas tecnoloxías: coñece a túa tableta; e os de San Xoán do Campo e Coeses no de Toma e retoca a túas fotos coa tableta.
Polo que respecta ao ámbito provincial e segundo explica a Deputación, o sábado comezarán en Friol as actividades que se desenvolverán en 11 concellos, e que se ampliarán a todos os municipios da provincia en vindeiras edicións. Haberá dous cursos en cada municipio “co obxectivo de facilitar o uso das novas tecnoloxías aos maiores sen ter que desprazarse do seu lugar de residencia”, explica o organismo provincial. Os dous cursos de Friol serán os días 11, 18 e 24 de abril. Na parroquia de Condes impartirase Manexo básico de ordenador e na de Carballo, Atréveste con internet?. A semana que vén, do 13 ao 16 de abril, o InLugo achegarase ao Concello de Castro de Rei con: Estimulación cognitiva e funcional con videoconsolas e Atréveste con internet? Os cursos continuarán en vindeiras datas en Meira, Pol, Guitiriz, Castroverde, O Corgo, Vilalba, Xermade, Guntín e Muras.
Na sede do InLugo as actividades comezarán a semana que vén. En total 273 prazas repartidas en 21 obradoiros e cursos, dos que 14 xa teñen todas as prazas cubertas. Para os outros sete, os interesados aínda poden apuntarse a través de fundaciontic.org e deputacionlugo.gal ou chamando ao número de teléfono 982 225 186, segundo informa a Deputación. “Os cursos”, explica o organismo provincial galego, “abordarán o manexo de diversos dispositivos como o computador, a tableta ou o smartphone, así como conceptos básicos para manexarse por internet ou en diferentes redes sociais”. Polo que se refire aos obradoiros, “traballarán diferentes capacidades cognitivas e funcionais como a memoria, a atención, a orientación espacial ou o equilibrio co computador, a tableta ou as vídeoconsolas”. Todas estas actividades están incluídas na actuación Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación con fondos exclusivamente provinciais.

PUBLICIDADE