Impulsa TIC da Deputación de Lugo vén en 2024 con 4,5 millóns de fondos europeos

martes, 21 de novembro do 2023 S. P.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, presentou os orzamentos da institución provincial para o ano 2024, que superan os 116M€. No acto, acompañado de Efrén Castro, e a deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez, Tomé lembrou que os orzamentos do vindeiro ano implican unha suba dun 5,32%, grazas aos investimentos que conseguiu a Deputación do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que o Goberno de España ten en marcha cos fondos que logrou da Unión Europea.
Na vertente máis relacionada coa innovación e o tecnolóxico, os orzamento inclúen un firme apoio á USC vinculado ao mantemento das titulacións do Campus. Os fondos para a o ensino público sumarán preto de 3M€, un investimento que serve para manter o funcionamento do Centro de Formación Audiovisual da Deputación (segundo lembrou o presidente “o único público desta rama que hai na provincia”) e tamén para consolidar á institución provincial como “a que máis recursos aporta á Universidade pública”, sinalou.
Respecto do plan de cooperación cos 67 municipios da provincia, a partida aumenta no 2024 ata os 21,75M€, “o que significa transferirlles aproximadamente o 20% dos orzamentos provinciais seguindo criterios públicos e obxectivos, iguais para todos, e cun respecto total á autonomía municipal”, fronte, dixo, “ao raquítico 1,1% da Xunta co Fondo de Cooperación Local”.
Tomé destacou tamén o proxecto Impulsa TIC, dotado con 4,5M€ de fondos europeos, e grazas ao que a Deputación proporcionará de maneira gratuíta aos 52 concellos que decidiron adherirse servizos e equipamentos tecnolóxicos que lles permitirán avanzar na transformación dixital da administración e, polo tanto, mellorar o servizo que prestan aos veciños.
Tamén lembrou que a Deputación aforra miles de euros aos concellos prestándolles asistencia técnica cando o así requiren, en materia xurídica, urbanística, na xestión e cobro de impostos municipais, en recursos humanos ou en formación.
Ademais, a Deputación continuará co proxecto Acelera PEMES, financiado con fondos europeos, a través do que ofrece asesoramento gratuíto a pequenas e medianas empresas para modernizar e mellorar o seu negocio coa transformación dixital.

PUBLICIDADE