Illa Bufarda presenta un innovador proxecto transmedia para educar en sexualidade

martes, 22 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

Presentación de S.E.X. na Deputación da Coruña

A produtora Illa Bufarda, en colaboración con ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) e co apoio de SOGASEX (Sociedade Galega de Sexoloxía) e a Fundación Paideia, vén de estrear na Rede a primeira peza da webserie S.E.X., materializada cunha serie de obxectivos complementarios: achegar contidos na nosa lingua ás novas xeracións, apostar polos novos formatos e linguaxes e, sobre todo, fornecer á mocidade de difusión en materia de sexualidade. S.E.X, amais de webserie, é un ciclo de encontros co alumnado dos nosos centros do centros e un centro de consultoría.
O proxecto deuse a coñecer hoxe na Deputación da Coruña, nun acto no que participaron Vanessa Rodríguez (ASEIA); María Muíño (deputada de Igualdade); Xurxo Couto (deputado de Cultura), e Adriana Pérez Villanueva (Illa Bufarda). A webserie foi premiada no segundo Premio Luisa Villalta de proxectos culturais pola igualdade que convoca a entidade provincial.
S.E.X. presentouse esta mañá como “un proxecto de educación sexual dirixido a adolescentes” a través de diversas accións entre as que se inclúe unha canle de YouTube na que se publicarán os seis capítulos que conforman a contribución audiovisual, seis pezas co nexo común de abordar “de forma monográfica diferentes aspectos da esfera da sexualidade”, aspectos como a atracción sexual e a diversidade (heterosexual, homosexual, bisexual, pansexual, asexual), os cambios corporais ou as falsas crenzas relacionadas cos sexos e os tradicionais ideais románticos.
Como dixemos, a webserie, protagonizada por Noelia Liñares Mayo, Ángel Calo e Iria Freire, estreou o pasado martes 15 de outubro o seu primeiro capítulo na súa canle da plataforma Youtube e lanzará un novo vídeo cada mes. Esta será a primeira tempada dunha creación audiovisual que contará tamén cunha consultoría na que se interactuará co público tanto con conversas en aberto, como dando a posibilidade de que as mesmas se realicen a través de correo electrónico.
A consultoría estará desenvolvida por profesionais da Psicoloxía, Educación e Saúde especializados en Educación Sexual. Tamén se utilizará como canle de difusión e contacto coa poboación adolescente a rede social Instagram.
Amais, o proxecto S.E.X. inclúe a difusión por diferentes institutos da provincia da Coruña con encontros co alumnado que contarán coa participación de profesionais da educación sexual de ASEIA, así como con membros do elenco de S.E.X.

Primeiro vídeo de S.E.X.

PUBLICIDADE