Igualdade pon en marcha unha nova web que mellora o desenvolvemento do Plan Integral de Apoio ás Familias

mércores, 20 de xuño do 2007 Raquel Noya

A Secretaría Xeral de Igualdade, no seu afán por establecer unha canle de comunicación permanente e eficaz entre as familias galegas e as entidades sociais que colaboran na elaboración do IV Plan Integral de Apoio ás Familias, vén de presentar a nova páxina web de Igualdade, www.igualdadegaliza.org.
Esta páxina web permite que profesionais e cidadáns de a pé que o desexen, realicen as súas aportacións e consideracións en prol do devandito Plan, aportando o seu gran de area no proceso de elaboración que leva a cabo a Secretaría Xeral.
Ademais, en igualdadegaliza.org pódense consultar os traballos desenvolvidos ata o momento nas diferentes mesas sectoriais establecidas dentro do plan de apoio ás familias así como toda a documentación elaborada por expertos acerca do mesmo.
O novo sitio, tamén contén información actualizada de tódolos recursos para a igualdade e preséntanse estruturados en tres grandes grupos temáticos: a área de promoción da igualdade, a de tratamento da violencia de xénero e a área das familias. A cidadanía disporá de información sobre proxectos lexislativos en marcha, guías de utilidades, información sobre os centros dependentes da Secretaría Xeral de Igualdade así como sobre os distintos programas e recursos.
Como era de supoñer, na páxina non falta unha sección de novas que recolle toda a información sobre as convocatorias de axudas, cursos ou eventos que se produzan no eido da igualdade e conta con facilidades de consulta adaptadas a persoas con dificultades visuais, a través de dispositivos de lectura en braille e navegadores de voz.

PUBLICIDADE