Igualdade Animal boicotea a publicidade de Campofrío a través da Internet

mércores, 16 de xullo do 2008 Fernando Sarasketa

O anuncio da empresa Campofrío no que se amosaba a unha familia vexetariana apostando por mercar e consumir carne logo de que un dos fillos reivindicase o seu dereito a elixir o que se leva á boca non está a sentar nada ben entre os colectivos que denuncian ano tras ano o maltrato ao que se somete aos animais nunha boa parte das empresas do sector.
Entre as organizacións que máis está a boicotear na Rede aos produtos da firma Campofrío polo que consideran unha tentativa de ridiculizalas, atópase Igualdade Animal, que vén de lanzar unha campaña multimedia na Web con todo tipo de información sobre o día a día nas súas granxas e nas súas plantas de produción.
A iniciativa, que se completou coa entrega de dezaseis porcos mortos na propia sede de Campofrío, inclúe entre outras cousas un vídeo de investigación (que resume varias horas de material audiovisual recollido nas granxas da compañía), un informe fotográfico encamiñado a parodiar a publicidade da dita empresa (substituíndo a súa ficción publicitaria por imaxes reais dos seus centros de traballo) e máis un estudo en liña elaborado por 16 activistas nunha das plantas de Campofrío. Asemade, Igualdade Animal achega estes días no Flickr todo tipo de recursos gráficos sobre o que considera un claro caso de explotación animal, tal e como se pode ver neste caderno e neste outro.

PUBLICIDADE