A AMTEGA entra a formar parte da Alianza Global de Seguridade

luns, 12 de febreiro do 2024 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) vén de asinar un acordo de adhesión á Alianza Global de Ciberseguridade (GCA). En palabras da axencia autonómica, esta incorporación permitirá achegar o labor desta importante organización internacional ao ecosistema galego de ciberseguridade, agrupado no Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal.
Segundo lembra AMTEGA, a adhesión da axencia comezou a fraguarse coa colaboración con Dominio PuntoGal, entidade que forma parte da GCA e tamén de CIBER.gal. A Axencia galega e a Alianza Global de Ciberseguridade acordaron poñer en marcha iniciativas de colaboración na protección do Internet das Cousas; abordarán accións de divulgación; e explorarán unha colaboración reforzada a través da futura incorporación da GCA ao Nodo CIBER.gal.
A AMTEGA salienta a maiores que “esta incorporación fortalecerá o ecosistema creado en torno ao Nodo e reforzará a súa presenza internacional e a posición de Galicia como rexión pioneira na sensibilización, concienciación e investigación neste ámbito”. Ademais, salienta, “ colaboración coa GCA aportará valor ao aliñarse co obxectivo de reforzar a ciberseguridade para a cidadanía, empresas e Administracións Públicas”.
Philip Reitinger, presidente e director executivo (CEO) da Global Cyber Alliance, indicou que “con este acordo amplíase a valiosa colaboración con socios activos e cunha forte implantación en Galicia, que teñen a visión de levar a ciberseguridade máis lonxe”. Engadiu, neste sentido que a Axencia “e o seu magnífico labor na posta en marcha do Nodo CIBER.gal, é un aliado extraordinario para conseguir avanzar na nosa misión".
Global Cyber Alliance (GCA) é unha iniciativa internacional e intersectorial formada por máis de 130 empresas e institucións dedicada a reducir o risco cibernético e mellorar o mundo interconectado. GCA crea comunidades para despregar ferramentas, servizos e programas que proporcionen protección tecnolóxica.

PUBLICIDADE