Igalia celebra o seu oitavo aniversario sendo referente internacional no software libre para móbiles

mércores, 23 de setembro do 2009 Raquel Noya

Igalia, a compañía tecnolóxica galega do sector do software libre que o pasado ano nos sorprendeu a todos cun proxecto orientado á mellora de servizos e aplicacións nos móbiles, cumple oito anos esta semana; oito anos de traxectoria no campo das tecnoloxías de código aberto realizando un intenso labor de desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles e tecnoloxías web que non deixaron de dar os seus froitos.
O coñecemento e desenvolvemento de Igalia sobre as plataformas GNU/Linux e GNOME ao longo de todo este tempo permitiulle desenvolver software para as plataformas Maemo e Moblin, que son impulsadas por Nokia e Intel, respectivamente, o cal permitiu que a compañía galega colaborara no desenvolvemento da última versión de Maemo, a plataforma usada no móbil de última xeración de Nokia, o N900.
Agora, esta empresa que comezou grazas ao impulso dun grupo de dez recén titulados (todos eles enxeñeiros informáticos de entre 23 e 25 anos), ocupa un posto importante no mercado internacional, o cal constitúe case o 70% da facturación anual da empresa.
Esta, que conta con sedes en Pontevedra e na Coruña, onde vén de abrir unha oficina de máis de 400 metros cadrados e aire “googleliano” na que hai espazo para o traballo e o esparexemento, foi no seu día “unha iniciativa pouco convencional”, porén na actualidade, grazas ao espírito cooperativo e ao seu sinal de identidade, está a facturar máis de millón e medio de euros anuais e vén de darlle emprego a 40 mozos e mozas licenciados que traballan dende varias cidades europeas.
Por outra banda, dentro dos nosos lindes, onde somos os últimos en decatarnos do potencial dos nosos profesionais ata que teñen que emigrar para acadar o recoñecemento merecido, Igalia consolidouse como unha compañía de referencia no emerxente sector TIC, cunha elevada capacidade para liderar proxectos a nivel internacional.
Porén, máis alá das súas alianzas con empresas internacionais e o seu crecemento na facturación, Igalia “asume con orgullo unha particular filosofía empresarial”, dedicando unha partida económica a desenvolver accións para mellorar a calidade de vida, a conciliación da faceta profesional coa persoal ou a formación continua dos seus empregados.
A flexibilidade horaria, as sesións de fisioterapia ou as estanzas pagadas no estranxeiro para o estudo de idiomas son só pequenas mostras desta filosofía, onde a empresa reinvirte unha partida importante da súa facturación.
Ademais, o modo de organización asembleario que implantaron os seus fundadores segue a estar vixente e o modelo funciona porque os profesionais de Igalia “senten que son donos do seu propio traballo”, o que favorece a implicación na empresa.
Por outra banda, as boas cifras dos últimos anos foron un aliciente para Igalia á hora de implicarse co ámbito social que os rodea. A promoción de iniciativas para expandir o uso do software libre na universidade ou a decisión de destinar o 0.7% da súa facturación anual a varias ONG son exemplos da posta en práctica dun dos fins da empresa, compaxinar unha serie de obxectivos sociais coa consecución dos seus éxitos empresariais.

PUBLICIDADE