Igalia anuncia novas ofertas de emprego no seu seo
venres, 21 de xaneiro do 2011
A empresa galega Igalia, responsable entre
outras cousas do Máster de
Software Libre e dun amplo abano
de aplicacións abertas para trebellos móbiles, vén de anunciar novas
dispoñibilidades para cubrir postos de traballo no seo da propia compañía. O
anuncio, que é parte dunha
estratexia por facer o máis público e aberto posible o proceso, dirixise a
cubrir dous postos de traballo concretos: un de desenvolvedor web e outro no
seu grupo de traballo WebKit.
Tal e como dá a coñecer a propia empresa e
reflicte o portal de Mancomún,
procúranse profesionais que crean na filosofía do software libre (un eido
informático e do coñecemento con moitas menos barreiras, de custe e de
accesibilidade) e que posúan habilidades técnicas en desenvolvemento web e
dominio da lingua inglesa (no primeiro caso) e coñecementos (no segundo caso)
en cuestións ligadas a WebKit, “dende
renderizado, networking, accesibilidade, Javascript, multimedia ou o navegador
web de GNOME”, informan.
O escenario de traballo (na imaxe), de acceder a estes
postos, é ben interesante para calquera profesional das novas tecnoloxías. De
feito, Igalia xa ten dado mostras de ser un referente entre as firmas galegas
con compromiso social, achegando unha parte
dos seus beneficios a causas de solidariedade e favorecendo medidas para
mellorar a calidade de vida dos seus traballadores (incluíndo un organigrama
plano e sen xerarquías, baseado en asembleas e decisións colectivas, e máis
amplas marxes de manobra para realizar o traballo a distancia). As persoas
interesadas deben enviar o currículo en inglés dende un apartado específico da web de Igalia.