Igaciencia lanza a edición 2023-2024 do seu Concurso de Drons

martes, 29 de agosto do 2023 S. P.

A iniciativa galega de divulgación científico-tecnolóxica Igaciencia e o Concello da Coruña achegaron os detalles da edición 2023-2024 do seu Concurso de Drons, que inclúe sesións de formación e de familiarización no manexo de vehículos aéreos non tripulados para posteriormente participar no certame. O obxectivo é “propiciar a introdución na aula dunha tecnoloxía nova e motivadora e de alcanzar obxectivos educativos a través do manexo e programación de Droneblocks do dron Tello”. Poderán participar centros educativos de calquera concello. O concurso vai dirixido a alumnado de 1º a 3º de ESO (primeira categoría) e de 4º de ESO, BACH e FP de grao medio (segunda categoría).
Terán preferencia os centros inscritos no Obradoiro e Concurso de Robótica e os centros que non tiveron experiencias previas con drons, xa que se pretende facilitar a introdución desta tecnoloxía na aula.
As sesións realizaranse en dúas tardes pendentes de concretar, na semana do 23 ao 27 de outubro, en dúas quendas, de 16.30 a 18.00 h e de 18.15 a 19.45 h. Concederanse premios de 100 €, un por cada categoría e outro ao centro mellor clasificado do Concello da Coruña.
Obxectivos concretos
-Desenvolver o pensamento computacional, incorporando o potencial do razoamento lóxico (eventos, secuencias, bucles, variábeis, funcións, condicionais...), como sistema de resolución de problemas.
-Desenvolver o pensamento crítico, a comunicación e o deseño colaborativo.
-Mellorar a orientación e visualización espacial.
Os centros interesados en participar deberán facelo do 15/09/2023 ao 15/10/2023 a través da ficha de solicitude xeral. Posteriormente, deben cubrir a ficha de solicitude específica na páxina de Igaciencia.

PUBLICIDADE