Idealista.com consolida un xogo en liña para elixir a casa máis bonita

mércores, 17 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Paseniño pero sen pausa, a Rede está abrindo vieiros á participación no virtual de todos os deportes da vida real, e coa vantaxe de que na Internet se adoita aplicar polo miúdo a lei do mínimo esforzo. Un exemplo de práctica deportiva trasladada ao eido dixital -e coa engadido de certas vantaxes- é o que dá corpo á máis recente andaina en liña de Idealista.com: o duelo de fotos. A proposta, que está en versión beta pero dispoñible dende o pasado 13 de agosto, consiste en levar a cabo e sen que nos vexan unha das nosas afeccións preferidas cando imos de paseo ou de visita: ollar en fite os exteriores e interiores das casas para dar a nosa opinión sobre a estética e a construción das mesmas. Máis polo miúdo, a iniciativa consiste en permitirnos valorar moitas máis cousas: as mellores piscinas, as mellores vistas ou as mellores coñecidas das vivendas anunciadas na propia web.
O servizo, que está concibido coma un xogo, deixa marxe á achega de ideas para mudar o rumbo da decoración, poñer os mobles que nos gusten ou levar a cabo a reforma que nos pareza máis idónea.
Co fin de introducírmonos nos segredos da proposta cómpre elixir a estancia a valorar: dende a cociñas a comedores, pasando por patios, terrazas ou bufardas. Logo, veremos como xorden dúas imaxes en pantalla, cada unha pertencente a unha vivenda distinta. A continuación, o usuario terá que seleccionar a súa favorita, pasando a imaxe elixida a formar parte dunha nova quenda con outra foto diferente. Este proceso individual de escolma da vivenda favorita será engadido e comparado logo aos restantes, sendo logo o propio sistema habilitado o que se encarga de crear os rankings das casas con mellores cualificacións.
Por certo que dende a data de posta en marcha deste certame en liña xa se rexistraron nel arredor de 600.000 duelos entre casas, sendo os de meirande popularidade os que atinxen a cociñas e piscinas.

PUBLICIDADE