O ITG mostrará nunha xornada as oportunidades de I+D+i e internacionalización que ofrecen os fondos europeos

venres, 18 de marzo do 2022 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) organiza, o vindeiro mércores 23 de marzo, de 10h a 13.30h, na súa sede da Coruña, unha xornada gratuíta na que abordará, da man de especialistas de diferentes áreas, as oportunidades que os fondos europeos ofrecen ás empresas en materia de I+D+i e internacionalización.
Participarán responsábeis das áreas de IA (Intelixencia Artificial), enerxía intelixente para a transición enerxética e drons do Instituto, facendo unha exposición detallada sobre os aspectos máis novos para as empresas en cada unha das materias e debullarán casos de éxito en Galicia nestes ámbitos tecnolóxicos que, en palabras do ITG, “abren múltiples posibilidades ás empresas galegas”.
Un dos puntos concretos que se abordará na xornada é o referente ás oportunidades que ofrecen os fondos Next Generation para as empresas galegas. En concreto, a través de Horizonte Europa, o principal programa de financiamento da UE en materia de investigación e innovación ao que os Next Generation sumou 5.000 millóns de euros. A este súmanse Eurostars, un programa de apoio a pemes innovadoras para o desenvolvemento de proxectos transnacionais colaborativos e orientados ao mercado e Pathfinder, que ofrece financiamento para desenvolvementos de ideas disruptivas.
A asistencia á xornada, de carácter presencial, é libre previa inscrición na web do ITG. Está dirixida a xestores de I+D e de innovación de empresas produtivas e de servizos, administracións e profesionais que desexen coñecer as oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías e os fondos europeos.

PUBLICIDADE